sábado 07 decembro 2013

As xoias da mañá.

 Envexo (sanamente) á xente que madruga. Gustaríame tanto ser capaz de erguerme con ganas e de maneira natural a iso das 9 da mañá, por exemplo. Pero non son así, son das que disfrutan da cama tanto tanto... O meu corpo non ten présa por recuperar a verticalidade cando a luz comeza a entrar a través das contras da habitación. Mentres, a miña mente trata de apaciguarse loitando contra o sentimento (lixeiro...) de mágoa que sinte por non estar aproveitando mellor ese tempo, aínda que sexa sen necesariamente ter que facer algo productivo; quero dicir que merecería a pena só por poder ter máis a miúdo na retina as brancas e fermosísimas mañás que a xeada nos deixa, por poder disfrutar das cores, dos reflexos da luz, do silencio da natureza máis ruidosa que todavía a esas horas non acabou de espertar.

 Gracias a que as noites son tan frías porque, mesmo cando xa saíu o sol e cun ceo case radiante, aínda entón podo atopar algún tesouro fugaz.


 Quizais algún día venza á modorra mañaneira e así poida sacar moitas mellores fotos, ;)



 

domingo 01 decembro 2013

Envasamos o mel.

 Hoxe por fin envasamos o noso mel. 

 Non obtivemos moito porque, como xa vos dixen, decidimos recollelo moi tarde, os enxames estaban ó completo dentro das colmeas e puxéronse moi rabudos. Ademais atopamos cría nos cadros así que entre iso e a présa que nos entrou por rematar canto antes o resultado non foi o esperado. Pero menos dá unha pedra.


 E agora a repartir. Slurp!!!

martes 26 novembro 2013

Cañamóns.

  A semente do cáñamo é o cañamón.
 Considerado un froito seco, é practicamente descoñecido para a maioría da xente (agás polos que crían paxaros). E tantas bondades son as que ten que realmente non se entende que non se favoreza o seu consumo, quizais se explique por esa mala asociación cos "primos" psicoactivos e tamén pola falta de cultivadores locais que nos poidan ofrecer ese froito a un prezo competitivo co producto que vén de fóra. Adxunto aquí un enlace interesante no que se describen todas as súas propiedades.


 Ademais de comelo como froito seco (simplemente só ou en ensaladas), pódese tostar para acompañar múltiples receitas, para facer horchata (un tipo máis de leite vexetal) e mesmo fariñas para pan, por exemplo, e sen gluten!


 Estas fotos que vedes na entrada son dos nosos propios cañamóns (tan bonitiños...), listos para consumir! 

domingo 24 novembro 2013

Reutilizamos unhas bombillas.

 Unha reutilización que sempre me namorou foi a de facer pequeniños xarróns para pequenas flores con bombillas, desas bombillas que están a desparecer de cristal transparente.
 En multitude de páxinas podedes atopar ideas moi suxerentes e delicadas. Por iso non me vou parar en explicacións. Aquí vos ensino como o fixen eu.


Alicate, navalla suíza (utilísima!)...


Mini taladro e cable metálico fino...


Et voilá!


Probablemente cun par de flores quedará moito máis mono, ;)

E, para rematar, reutilicei unha caixa de ovos como envase que nin pintado para esta sorpresa.


sábado 23 novembro 2013

Recollendo a palla do cáñamo.

 A pasada fin de semana o meu compañeiro apañou a última palla de cáñamo que quedaba na finca.


 Noutra entrada xa vos falei dos usos da fibra (textiles, cordas, bioplásticos...), que recubre o tallo leñoso da pranta. Este pode aproveitarse para bioconstrucción, camas de animais, celulosa, bioetanol... procesando a cañamiza, unha especie de serrín formado polas astillas da madeira que se obteñen do propio tallo, unha madeira moi lixeira.
 De momento estámoslle dando saída a través dun colega que con ela vai facer morteiro con cal para recubrir un galpón construido con bloque de formigón, ou sexa, vai ser usada en bioconstrucción.

 E mentras eu supervisaba a operación (pffff...) adiqueime a retratar animais....


Estramonio...


Sombras...


E unha lepiota que nos servíu o campo para a comida dese día.














sábado 16 novembro 2013

Máis vale MEL tarde que nunca!

 Non tivemos ocasión ata esta semana de apañar o noso mel. Suponse que a recolleita debe ser en setembro, aproveitando os últimos calores do verán, así que a nosa foi máis que a destempo.
 O meu compañeiro foi quen pasou o traballo máis difícil, eu limiteime a dar fume ás colmeas, ás abellas e a meu arredor xirando sobre min mesma co afumador para así crear unha especie de nube que me cubrira o máximo posible. Bufff, menudos zumbidos... entre o frío que fai xa e o saqueo que lles queríamos facer puxéronse un pouquiño de mal humor. Nada ó parecer fóra do normal pero como era a miña primeira vez pois a perspectiva era ben diferente. E iso que o abelleiro sufríu dúas picaduras pero xa comeza a estar máis que inmunizado así que non foi grave.

 Ó chegar a casa comezamos o desoperculado, quitando a capiña que sela os míticos hexágonos nos que se almacena o mel. Esa capa denomínase opérculo e é cera "crema", como di o meu compañeiro referíndose á calidade da mesma. A continuación introducimos os cadros nunha centrifugadora manual que facemos funcionar a toda pastilla para que o mel saia lanzado contra as paredes do recipiente, vai cubrindo o fondo deste e finalmente abrimos para recollelo.


 Agora temos uns cantos litros de mel, non moita cousa porque non puidemos traer moitos máis que 10 cadros, aproximadamente, pero alomenos poderemos repartir entre colegas mel das nosas abellas.

mércores 02 outubro 2013

Outra oruga.

 Vivir no medio da natureza permite descubrir de vez en cando algunha marabilla coma esta oruga que atopei nunha ramiña dun vimbio, medio escondida e quizais descansando ou decidindo se devorar ou non as poucas follas que aínda van quedando. Era enorme e cun diseño tan bonito nas súas formas e cores... o máis gracioso as mini protuberancias esas que parecen máis muñóns que patas, jeje! (desculpe, señora oruga, o chiste)


 Non sei que tipo de gusano é, se se convertirá en volvoreta ou non... pero só observala mereceu a pena.