luns, 31 de decembro de 2012

Un sinxelo desexo para o novo ano.

 A min gústame a soedade. Sempre fun bastante solitaria ou me sentín máis cómoda e segura en grupos pequenos de xente, quizais por iso son máis de ter unha soa amiga que unha pandilla. Non son unha sociópata aínda que andando o tempo ás veces penso que me estou a convertir niso. Por iso vivir nunha aldea non me asustaba nese sentido, aquí non hai moita xente, o cal non me disgusta en absoluto. Pero tamén é certo que aínda que sexa pequeno o número de xente co que me sinto a gusto de verdade necesito sempre saber que teño a alguén aí, preto.

 Cando viñemos vivir aquí gustoume ver que a pouca xente que hai relacionábase bastante, sobre todo os das casas que viven arredor nosa que, por certo, somos o barrio máis habitado: nas sete casas que temos máis cerca vive alguén o cal case é unha miragre nos tempos que corren no rural de Galicia. É certo que uns se levan máis cuns que con outros (tamén hai algún que non se leva con ningún...) pero a maioría conviven, que xa é moito. Cando digo convivir refírome por exemplo a xuntarse para facer labores, axudándose entre todos, o que me parece algo fundamental. Precisamente sempre imaxinei vivir nun sitio así no que os que hai cooperaran para conseguir obxectivos comúns. Póñovos un par de exemplos: cando foi de ir cortar leña para as diferentes casas todos nos axudamos, un grupiño de veciños colaboraron para ir cortar e cargar a leña para todos así un pon o tractor, outros as motoserras, outros a forza, outros a alegría e o humor no traballo... un día era para un, outro día foi para outro; ou tamén en setembro cando foi de apañar as patacas, eramos un grupo bo o que nos rotamos por unhas cantas fincas e posteriormente celebramos a xornada con merendola.
 O meu compañeiro sorprendeuse cando chegamos aquí e comprobou todo isto porque ó parecer na súa aldea xa fai tempo que van moito máis ó seu pero qué sería destes lugares se cada un mirara exclusivamente por si mesmo? Eses son os momentos que se saborean coa xente, aqueles nos que todos colaboran polo ben mutuo. E sen agardar despois nada en troques aínda que é verdade que sempre che acaban dando algo como uns chourizos, mel ou un saquiño de patacas en agradecemento, pero ti non o fas por iso, falo polo necesaria que é esa convivencia da comunidade para poder vivir ben, seguro e tranquilo.

 Así que en xeral hai bo rollo coa maioría da xente que temos cerca -bueno, non todo é paz e harmonía, xa tivemos malos rollos e un deles xusto co que vive máis preto de nós, menuda mala pata verdade? pero ese é tema doutro día. Pero está claro que un necesita algo máis que a simple e formal convivencia, necesitas algunha relación coa que o entendemento vaia máis alá, co que a confianza sexa segura e sincera por completo e ás veces parece algo imposible de conseguir. Porque é certo que as relacións na aldea son moi especiais -digámolo así- e moitas veces bastante difíciles de entender especialmente cando vés cos teus propios esquemas na cabeza, esquemas por outro lado que creo que son e deberían ser os estándares das relacións humanas pero se ve que aquí ás veces non funcionan. E estámolo comprobando con tristeza, sobre todo servidora. Ti actúas con naturalidade, con transparencia para que precisamente sintan que non hai dobre sentido nas túas opinións, para que sintan que poden confiar en ti porque non albergas maldade algunha e de súpeto un día... ZAS!, métenche unha "hostia" difícil de superar.
 Como lin unha vez, o galego nace desconfiando e vive sen fiarse. Qué noxo, por que somos así? E digo "somos" porque eu son galega pero eu non sinto que a miña vida a viva así e dende logo non a quero así.

 En fin, menuda tarde de fin de ano, non? Melancólica, triste e pasada por auga. Nunca me gustaron as festas de Nadal e iso de felicitar o ano unha vez tras outra, puajjj! pero se de algo sirve pedir algún desexo pido atopar alguén aquí con quen de certo poder contar, é unha necesidade real para sentirme tranquila e poder vivir o más feliz posible. Outros non sei pero eu necesítoo. 

mércores, 26 de decembro de 2012

O pao de ferro e os "roletes".


o pao de ferro

 O meu compañeiro di que o pao de ferro é unha ferramenta indispensable. Bueno, en realidade xa o dixo alguén moito antes ca el con aquelo de "Dádeme un punto de apoio e moverei o mundo".



 Iso foi o que estivemos a facer os días pasados, movendo as pedras do chan da paneira como xa vos contara. Para iso empregamos o famoso pao de ferro e a técnica de "roletes" da que vos falei, consistente en ir poñendo uns tronquiños debaixo das lousas mentras un levanta a pedra co pao; posteriormente, coa pedra enriba dos "roletes", comézala a desprazar empuxada polo pao de ferro e trasladando os roletes dun extremo a outro, isto é: ó mover a pedra o tronquiño que queda á vista lánzalo hábilmente ó teu compañeiro de tarefa e este (neste caso era esta, ou sexa eu) sitúao na parte de diante e así un tras outro ata chegar ó sitio desexado. Non sei se se entende nada do que acabo de explicar por iso poño unhas fotos para ver se aclaro algo máis: na primeira levántase a pedra co pao, a continuación vala empuxando xa cos troncos embaixo da mesma.


 Ás veces esta técnica substituímola pola de "andar a meniña". Esta expresión, que me parece tan doce e bonita, refírese á de erguer a pedra poñéndoa en vertical e mediante o balanceo  vas desprazando o peso dun lado cara o outro facendo avanzar as esquinas e movendo así o obxecto en cuestión; de aí o de "andar a meniña" porque é como se levases a un cativo que está a aprender a andar e aínda non se suxeita ben en pé, de tal xeito que o agarras polas manciñas e o vas dirixindo coas túas.
 Iso ocorreu coa pedra enorme que vedes a continuación e que non collía pola porta. Houbo que partila dentro e despois andando a meniña para fóra, pero vede ademais cacho grosor tiña!


 A cousa vai avanzando na paneira, pouco a pouco pero avanzando. O aspecto agora xa dista de fai uns días, ata parece máis grande.


 E como vedes coa compañía e supervisión dos nosos cuadrúpedos!

luns, 24 de decembro de 2012

Un banco dun chanto.

 Estes días seguimos cos traballos na paneira e fixemos unha labor importante, levantar o chan que esta tiña feito de chantos xigantes.
 Aquí chamámoslles chantos ás lousas enormes que se soen ver cerrando fincas ou como piso das airas, que son aquelas zonas das casas nas que se mallaba o cereal. E as lousas son as pedras planas de pizarra que se empregan como cubrición para os tellados nesta zona, coméntoo por se alguén non o sabe.

 Outro día ensinareivos como quitamos algunas das pedras porque merece a pena, creo eu, e teño que dicilo: encántanme as pedras!
 Hoxe vou ensinarvos un adianto do material que conseguimos e dos cans como referencia para o tamaño. Aí vai.


 Xa vedes, temos para facer un dolmen e xogo de menhires se se nos antoxa. Pois cunha desas lousas enormes de enriba ocorréusenos nada máis vela que sería perfecta para un banco, o do dolmen requería un pouco de máis tempo.

 No corral tiñamos un banquiño feito daquela maneira cun par de troncos e unha táboa bastante ruíña posta enriba (nin puntas tiña), así que alá nos lanzamos coa "pedriña". Menuda aventura o traslado ata o lugar onde estaba o banquiño en cuestión, costa abaixo con "roletes" (así chama o meu compañeiro ós tronquiños redondos que empregamos para desprazar o lixeiro material) e sistema de corda para dirección e frenado; e non, non teño fotos do momento porque non dá unha para tanto pero foi unha mágoa porque pagaba a pena telo retratado.
 En fin, o caso é que así nos quedou o noso lugar de repouso, tamén con cadela en foto como referencia.


Outra cousa non pero rústico dende logo!

domingo, 16 de decembro de 2012

Non á mina de Corcoesto!

 O noso goberno quere aprobar a apertura dunha mina de ouro en Corcoesto que suporá moitos postos de traballo (o argumento a favor) pero suporá tamén un desastre medioambiental irreparable en toda a zona e unha atmósfera de toxicidade dun radio de ata 30 km.

 Se clicas aquí irás a unha entrada do blog www.genteconconciencia.es no que explican claramente o que vai supoñer esta mina e quen está detrás deste posible futuro desastre para a nosa terra.  

 E se clicas na imaxe poderás ir á páxina de change.org na que podemos firmar para amosar a nosa disconformidade con este horrible proxecto.



 Debemos solidarizarnos coa xente de Cabana, imaxinádesvos algo así no lugar que máis vos importa?

sábado, 15 de decembro de 2012

Velas de cera de abella.

 Xa vos contei ó comezo do blog como foi a nosa chegada á aldea, invadidos polas abellas. Daquela historia sacamos cousas positivas, as que nun comezo parecían as verdadeiras donas da nosa casa decidimos facelas as nosas amigas. Así comezou unha bonita relación co mundo da apicultura, especialmente por parte do meu compañeiro que agora se adica a coñecelas pouco a pouco e a aproveitar o que nos ofrecen.

 Esta semana está sendo desas de pasar o día encerrado en casa por causa da marabillosa choiva a chuzos que nos está a acompañar. Que mellor ocasión para aproveitar para facer velas, velas feitas a partir da cera das abellas e con mecha de algodón, é dicir, ningún compoñente provinte do petróleo. Ó mellor non duran o mesmo que as que podes comprar nunha tenda pero estas veñen de aquí, da nosa casa, e sen dúbida son moito máis ecolóxicas.


 Estas de aquí arriba están moldeadas a partir da cera derretida, obtendo diferentes formas cando esta comeza a solidificarse. Pero outras facémolas a partir das propias láminas de cera que se empregan para os cadros das colmeas, simplemente enrollándoas sobre si mesmas, como esta de aquí abaixo.

 
 Ó parecer a partir de Xaneiro o noso xeneroso goberno volverá a estrangularnos, esta vez cunha nova subida da luz. Queredes algunha vela de pura cera de abella para iluminar a oscuridade na que estamos?

xoves, 13 de decembro de 2012

Un portafotos xigante?

 Dentro da paneira había un moble de cociña de contrachapado, daqueles míticos dos anos 70 que seguro fixeron ir ó lume a máis dunha xoia de madeira das nosas cociñas, salóns... porque deixaron de ser moda por aquel entón. E como aquí en Galicia parece que sempre nos gustou máis o de fóra que o noso propio, pois alá foron. Isto pasou ata coas casas: a carón das tradicionais de pedra pódense ver edificacións de ladrillo de moi mal gusto que substituiron ás primeiras e as viron caer convertidas en auténticas ruínas.
 Total, este é o moble en cuestión.


Era bastante interesante pero difícil de conservar polo mal estado no que se atopaba, moitísima carcoma. Así que decidimos rompelo pero foi xusto cando o meu compi estaba neste momento da operación cando mirei para el e ocorréuseme algo...


Conservar a parte frontal enteira xa que era unha soa peza e estaba en perfecto estado. Para que? Pois nese instante non o tiven claro pero despois, cando xa estaba completamente salvada a parte que me interesaba e o puiden observar mellor, ocorréuseme a "pedrada" dun portafotos, un marco múltiple coma eses que venden para colocar moitas fotos xuntas con formas diferentes, pero o noso sería xigante!


 

 Se tedes algunha outra idea, acéptoas encantada.

martes, 11 de decembro de 2012

Paseando.

 Paseando polo monte xa vistes que podemos atoparnos de todo. Pero a maioría das veces afortunadamente o que nos encontramos é algo tan xenial coma isto: vedes esa especie de herbas brancas na malísima foto que seguidamente vos mostro? e á que puxen efecto néboa para disimular un pouco o borrosa que me saíu...


 O lugar estaba cheo delas e cando me acheguei para miralas mellor puiden comprobar que o que parecía herba branca en realidade era auga, delicadísimas pinguiñas de auga que se pousaban e penduraban das herbas así...


 Que cousa tan pequena creando tan gran espectáculo.

domingo, 9 de decembro de 2012

Escombros, no monte?!

 Os arredores da nosa aldea son realmente fermosos. Soemos coller dous camiños para pasear, un baixando o monte lévate ó río e polo outro subimos cara a parte alta do mesmo monte, dende onde podes alcanzar grandes vistas e ceos incribles.

 Cando chove algúns sendeiros desfanse moitísimo precisamente pola acción das rodas de tractores, por exemplo, podendo convertirse nunha auténtica pista de lama. Por esta razón podo chegar a comprender que cando nalgunha casa se obteñen escombros tras a realización de obras os donos de ditos escombros os depositen neses camiños PÚBLICOS para así afianzar o firme e evitar a desfeita da choiva; ben extendidos e cun posterior pisado das rodas dun tractor realmente case nin se nota que aí foron depositados ditos restos de obra e ó mesmo tempo sirven para algo útil como é amañar camiños que son de TOD@S. É o caso destes tramos que vedes a continuación nos que o impacto visual é mínimo (non vou sopesar neste caso o posible impacto medioambiental).


 Pero hai xente á que lle resulta de todo imposible desfacerse dese lixo da maneira máis discreta e inocua dentro das opcións á marxe do legal, que como dixen antes ben poderíamos entender. Non, simplemente o depositan na marxe do camiño que, total, só é un camiño cheo nada máis que de herba verde; e agardando a qué? a que o cubran as silvas ou a que dentro de moito tempo (porque estou a falar de escombros que levan aí polo menos un par de anos) se estropee dito camiño e xa ter aí o material preparadiño para extender? É evidente aquí o impacto visual.
 Pero que máis dá se ninguén camiña xa por aí, ninguén o ve e por iso non molesta.

  
O monte é un lugar impracticable pola falta de limpeza porque ninguén aproveita os recursos que este dá a curto prazo, tan só interesa a súa productividade a longo prazo e nese sentido as silvas, xestas, fentos, madeiras mortas... non supoñen un problema. E estou a falar de recursos materiais pero é que o monte aporta algo que non ten prezo no mercado e é o pracer que dá pasear por el, velo mudar de estación en estación, sentir a vida que aí palpita. Dende logo para min todo iso non se paga con nada.

 Pero qué máis dá se total ninguén pasea xa polo monte, a xente pasea polas cunetas asfaltadas da estrada cos chaleques reflectantes.  

venres, 7 de decembro de 2012

Seguimos coa paneira.

 Fai uns días contaba como comezamos a limpar un alpendre pequeno a carón da nosa casa, a paneira. Pois aí seguimos. Bueno, en realidade quen máis fixo foi o meu compañeiro que xa quitou tódalas madeiras e picou moita pedra, eu só piquei unha parediña baixa que marca o desnivel das dúas estancias, para ser a primeira vez creo que lle din bastante xeito ou iso me dixo un veciño que veu botar un ollo, jeje.
 Aquí podedes ver a evolución e mellor se o comparades coa entrada anterior aquí.

  
 Agora quizais se aprecia mellor que é unha construcción en dous niveis, cunhas escaleiras de pedra no nivel superior que eran coas que se accedía ó piso de madeira que xa desapareceu. Esas escaleiras temos idea de trasladalas á parte de abaixo para comunicar ámbolos dous niveis. En fin, será por ideas, iso sí que é de balde!

 Algo xenial de traballar nestas edificacións tradicionais son as cousas que vas atopando sen querer, pequenos detalles que supoñen todo un descubrimento cando valoras cousas tan simples como, por exemplo, as pedras; pero refírome ás pedras con personalidade, con moitos anos e historia ás súas costas. Ese foi o caso dunha especie de lavadeiro horroroso de cemento e ladrillo que había na parte de abaixo da paneira á esquerda (por se o queredes buscar nalgunha das fotos) e que cando collín a marra para destrozalo revelou que escondía un tesouro, unha gran laxa. A ese tipo de descubrimentos me refiro.


 Déixovos outro detalle, a luz que entraba pola ventaíña cadrada enriba do que era o piso de madeira.


xoves, 6 de decembro de 2012

Reutilizando un canalón.

 Unha idea de reutilización moi extendida para un canalón soe ser a de soporte para prantas, a modo de xardineira colgante.

 Cando chegamos aquí tivemos que tirar moitas cousas inservibles que máis ben eran basura acumulada durante anos por algún dos ex-donos desta casa pero tamén decicimos -oops, mellor corrixo porque nesta casa se alguén ten síndrome de Dióxenes esa son eu- tamén decidín gardar algunhas que pensei que podían ter posibilidades de ser usadas nun futuro.

 Ese foi o caso dun vello canalón que este verán aproveitamos para adornar unha verxa de madeira.


 
Pode ser que tivera quedado mellor pintado pero tampouco me disgusta así, se ademais co tempo as prantiñas crasas van medrando e extendéndose probablemente o cubran tanto que xa case nin se vexa, o que pode dar un efecto bastante chulo dende logo, non credes?

martes, 4 de decembro de 2012

Comezamos obras na paneira.

 Unha das razóns de gustarnos esta casa cando a vimos foi os alpendres que ten arredor: un hórreo cadrado, unha palleira pequena, unhas cortes rectangulares e a paneira.
 A paneira é unha casiña pequena a carón da nosa casa que ó parecer no seu momento albergou ós caseiros e mais unha vaca. Sí, sí, nunha superficie de 30 metros cadrados (coma os apartamentos de ZP, lembrades?). Agora queremos retellala xa que o tellado está fatal, chove dentro! E por iso comezamos esta semana a vaciala de madeira e a picar na pedra que está tapada por cemento e cal. A nosa intención é tratar de facer nós a maioría do traballo, por economía e porque nos apetece a idea de tratar de restaurar nós mesmos todo o que poidamos. Se xa está sendo gratificante e acabamos de empezar, imaxinade cando a teñamos case terminada...

 Déixovos unhas fotos do desastre interior. Ó mellor é difícil facerse unha idea de como é, dimensións e demais, porque sacar unhas fotos decentes nese reducido espazo resultaba moi complicado.


 Por certo, se alguén quere vir botar unha man e aproveitar para desestresarse picando na pedra ou facendo calqueroutra labor, sodes benvid@s!

luns, 3 de decembro de 2012

Entretementos varios.

 O bo que ten vivir nunha aldea é que sempre tes algo co que pasalo tempo, sobre todo se se trata de observar é o lugar ideal. Por exemplo...

 A semana pasada atrapamos un pequeno rato que se paseaba ultimamente por debaixo do noso fregadeiro (e probablemente varios sitios máis). Como non queremos empregar veleno entre outras razóns porque temos un gato (do que por certo falarei calquer día porque tamén se merece unha entrada para el só) pois imos tirando con algún que outro invento rexido polos principios de captura e posterior solta: unha gaiola cun cebo na que o ratiño entra incautamente e na que queda encerrado ó intentar atrapar o suculento premio por un mecanismo de peche automático moi profesional. Espero que os ratos non teñan un sentido da orientación demasiado bo porque o ceibamos a uns 50 metros da casa, sabería voltar?
 A verdade é que os ratos son riquiños de verdade, bueno, agás polo rabo. Pero é que o fuciño, as orellas rosadiñas, as súas pequenas patiñas de catro unllas e os ollos acibeches son para comelos! Supoño que mentras eles non comezan a comer as túas cousas é máis doado manter esa fascinación, non?


 Tamén é moi embaucador o lume e todo o ritual de encender a cheminea. Ás veces parecen hipnotizarte os movementos das chamas e as cores que se xeran, por exemplo na seguinte foto a piña debaixo do tronco, que estaba ó roxo vivo, parecía realmente incandescente como se dunha forxa se tratara. 


 Xa vedes, aburrimento a min.

venres, 30 de novembro de 2012

"Mentalidad gallega". Suscribo.

 Esta entrada fágoa despois de descubrir unha páxina chamada galiciaenfotos.com.
 O descubrimento foi totalmente casual pero absolutamente benvido, non sabedes canto nos puidemos rir lendo algunhas das sarcásticas entradas do seu autor, Juan Carlos. Foi tan desternillante que teño que compartir con vós este achado.

 A primeira entrada que atopei (buscando fotos de toxos, por certo) foi a que vos comento a continuación e que se chama "Mentalidad gallega". Nela critica, a partir dunha foto bastante descritiva, esa estreiteza de miras de moitos galegos que os fai ser tan ridículos e tan pouco racionais. Algún día contarei as nosas propias experiencias e que non fan máis que confirmar canto ben lles faría a algúns o de saír fóra un tempiño a comprobar como son as cousas polo mundo adiante.
 E por favor, que ninguén se ofenda se non hai necesidade. Por suposto que os galegos temos grandes virtudes pero dende logo esa outra cara ensombréceas con creces. Bueno, e se alguén se ofende, o que se pica...

 Déixovos a foto en cuestión e premendo nela accederedes á entrada correspondente.

xoves, 29 de novembro de 2012

Reutilización dun tronco.

 Esta semana decidín reutilizar un pequeno tronco que conseguimos despois de talar un eucalipto xigante que tiñamos na finca e que era unha ameaza polo seu tamaño. Teño que confesar que non lle teño moito amor ós eucaliptos, xa imaxinaredes por que, pero este era un exemplar tan grande e fermoso que nos deu moita mágoa talalo. O bo é que nos deu leña a barrer.

 Daquela tala e poda saíu un pequeno tronco cunha forma bonita que me daba lástima que fose ó lume así que o apartei para algún día facer algo con el. A idea inicial sempre foi a de facer unha lámpara; nuncan tiven claro como ía ser sen embargo esta semana encendéuseme unha luz (nunca mellor dito) e vino claro. Co gallo do cumpre de unha das miñas mellores amigas púxenme mans á obra.

 Foi un traballo en realidade moi sinxelo: lixa e barniz incoloro. Despois merquei un aplique para unha bombilla e montei o cable cun deses trenzados de fío que imitan ós antiguos, eu mesma puxen o enchufe e o interruptor, nada do outro mundo en realidade pero aí tamén está o amor que vai no regalo, a man de obra completamente miña.


 (Gústame o detalle da madeira abríndose, moito)

 E aquí o resultado nunha esquina da miña casa, porque esta lámpara é para crear ambiente na que será a próxima casa da miña amiga.


 Un detalle bastante resultón feito por moi poucos euros pero iso sí, con todo o cariño do mundo. Que vos parece?
 

martes, 27 de novembro de 2012

Begasa arrasa!

 O venres pasado despertámonos co ruído dunhas motoserras ó pé de casa. Unha pequena cuadrilla enviada polo SEPRONA en nome de BEGASA (ou viceversa, dáme igual) estaban a cortar algunhas das árbores que había arredor do cableado da luz. Unha desas árbores era nosa, un carballo.
 Saímos mirar o que estaban a facer e de paso controlar a poda do noso carballo. E xa tivemos discusión pola mañá cedo.

 Efectivamente necesitamos luz e que o cableado esté o máis libre posible de calquer accidente provocado polas árbores porque se evitan problemas co suministro eléctrico, por suposto que si, pero o que non podo entender nin aceptar é que esa poda sexa tan drástica, por exemplo non tendo en conta a especie que se está a podar ou talar. É así o caso dun buxo que o noso veciño ten xusto debaixo do cableado que vai a unha farola (farola prescindible, ó meu modo de ver); ese buxo ó mellor ten 200 anos, é unha exemplar incrible e debería respetarse e protexerse case baixo calquer circunstancia. Pois resulta que na ocasión anterior na que os da cuadrilla de poda estiveron aquí metéronlle uns bos cortes ó buxo en cuestión; tendo en conta que este nin siquera estaba a un metro do cable e tendo en conta tamén que o ritmo de crecemento desta árbore é lentísimo, que necesidade había de podalo?
 Outro dos argumentos da responsable da cuadrilla foi que había que evitar que as árbores caeran contra os cables en caso dun temporal e vento forte. Dende logo ese non era o caso do buxo, xamais podería caer contra o cable se está xusto por debaixo del.

 Despois de intercambiar opinións pedinlle por favor que transmitira as miñas queixas ós seus superiores, que de seguro non serviría de nada, como  soe ser  normal. Tamén lle dixen que ultimamente estou bastante ata os... de que os de enriba fagan o que lles dé a real gana cos que estamos abaixo. As árbores son nosas despois de todo e son árbores moi valiosas, ó mellor non no mercado pero sí en canto a tesouros do noso monte. 
 Non sei se para congraciarse comigo, a rapaza responsable pediume que nalgún momento me achegara a ver o que outra cuadrilla tiña feito nunha zona de media tensión un pouco máis arriba da nosa aldea, que menos mal que ela levaba ese traballo na nosa zona que se chegan a vir outros poderían ter sido aínda máis salvaxes. 

 O domingo á tardiña fumos alá. Estas fotos a continuación son algunhas pequenas mostras do arrase que ó meu modo de ver fixeron. Pensade na enorme altura do poste da media tensión que por certo ningunha árbore das que cortaron sobrepasaba.



 As árbores non só eran pinos, tamén había castiñeiros, carballos... O que é alucinante é como os arrancaron pola raíz! Qué utilizaron para limpar, un bulldozer?! Porque eses pinos aí abaixo dan bastante pena así tirados, cando quedaban ó mellor a 5 metros dos cables, dos cables! que non dos "postes" enormes de media tensión. E pensando nos donos dos pinos, agora teñen que ser eles os que amañen tamaño desaguisado.



 E como mostra do que fixeron con árbores máis cativas en zonas dun só cable, mirade esta desfeita co carballiño seguinte e co salgueiro (creo...) de embaixo.



 Quero que quede claro que entendo perfectamente e respeto que se realicen a cabo certas labores de limpeza pero quizais esta limpeza podería desenrolarse con maior sensibilidade, non vindo unha vez cada moito tempo para arrasar co que encontran só pola comodidade que dá un traballo mal feito, a comodidade de non ter que voltar podar nin cortar noutro moitísimo tempo.  Porque estou convencida que querendo dende logo se pode facer mellor.
 Creo que xa vai sendo hora de que ser "civilización" ou pertencer a ela non nos otorgue o dereito de facer con estas árbores o que a uns poucos lles dé a real gana, sen ningún tipo de cuestionamento. A vida e o progreso teñen que mirar cara a natureza, deben voltar á natureza e a unha defensa da mesma a ultranza, se non qué nos queda? Por iso...






domingo, 18 de novembro de 2012

Música coral na nosa aldea.

  O ano pasado o coro no que estou solicitou á parroquia o uso da Igrexa durante un día enteiro para preparar un repertorio complicadiño que tiñamos. Ensaiamos un sábado enteiriño. E estivemos moi a gusto.
 Coa excusa de devolver o favor, comenteille ó dire a posibilidade de facer un concertiño e non houbo ningún problema tanto por parte del como de tódolos cantores. A verdade é que nese sentido teño e temos moita sorte, é un grupo de xente fantástico co que podes contar para o que sexa e ten máis mérito aínda porque todo o que facemos é sen ánimo de lucro, nunca cobramos un peso, é o amor á música e o interese por difundir este tipo de música o que motiva este tipo de iniciativas altruistas.

 Hoxe foi o concerto. Non é que a Igrexa estivera a reventar pero sí houbo xente e a que foi saíu máis que encantada. Evidentemente eu tiña grande interese en que lles gustara porque así tería pagado a pena o esforzo dos compañeiros de ir ata alí un domingo a media mañá, cando sabemos que todo o mundo ten a súa vida e demais. E houbo un detalle que me axudaba durante o concerto a pensar que efectivamente lles estaba cando menos gustando e este foi ver que o dono da única taberna dos arredores (que me avisara antes de empezar que marcharía antes do remate por precisamente ter que ir axudar á súa dona a abrir o negocio) non se moveu ata o final, mesmo escoitou o bis! E cando rematamos achegouse a dicirme que "Cómo podía ter marchado, non podía marchar sen dárvolas gracias por esta marabilla de concerto!". Que mellor mostra de disfrute e goce musical que aquel veciño retrasara a apertura do seu propio negocio, non puido levantarse do banco do que lle gustou!
 Por el e por tódolos demais, por supostísimo, mereceu moito a pena.
  
 Unha das miñas intencións na nosa vida aquí é tratar de dinamizar culturalmente este lugar, por exemplo creando algún tipo de asociación a través da cal poidamos realizar obradoiros, charlas... ou calqueroutra actividade (como este concerto) que supoña seguir aprendendo e non estar esquecidos do mundo. Porque vivir nunha aldea non debería significar vivir marxinados, aquí tamén teñen que chegar oportunidades de descubrir e crecer e se para iso agardamos a que o sistema (calquera que sexa) nolas ofreza... podemos esperar sentados.
  

mércores, 14 de novembro de 2012

domingo, 11 de novembro de 2012

A nosas reciclaxes.

 A fin de semana pasada ensineivos un tambor de lavadora reciclado para asar castañas. Hoxe gustaríame ensinarvos algunhas ideas nosas tamén de reciclaxe ou reutilización dos recursos que temos cerca: unha lámpara, unha mesa e as súas cadeiras e un zapateiro.

 Cando chegamos aquí atopamos mobles que eran dos antigos donos e que estaban desaproveitados nas cortes da casa. Algúns deles recuperámolos como por exemplo algún cabeceiro de madeira para a nosa habitación, sillas... pero unha das cousas que mellor proveito nos deu foron un xogo de mesa e sillas de salón moi típicas dos anos 70, creo eu. Decidín pintar as patas (a única parte de boa madeira) dunha cor verde viva e adornar a superficie da mesa (de aglomerado e chapa) cun vinilo de tonalidade semellante; a xogo tamén pintei as cadeiras pero cada unha dun xeito distinto deixando zonas diferentes en cada unha delas coa antiga cor da madeira á vista; ó mesmo tempo miña nai tapizounas cunha tela de cores bastante rechamante. 
 Ó mellor na foto apréciase demasiado esaxerado o verde que escollín pero como o salón é grande non fai o efecto que quizais transmitan as fotos; dende logo con esta reutilización aforrámonos mercar un conxunto de comedor enteiro.
         
                          
 A seguinte reciclaxe foi dun palé. Poucos obxectos tan simples presentan tantas posibilidades como os palés; pola rede consigues atopar centos de ideas nas que transformalos, por iso nós gardamos un par deles para algunha ocasión na que decidamos darlles unha segunda vida. De momento ensínovos a primeira das nosas ideas (nada orixinal por certo), un zapateiro. Tan só dúas puntiñas na parede e un par de tabliñas a modo de repisa e listo! Todavía nos falta lixalo e aplicarlle barniz ou pintura.


 E para rematar (por hoxe de momento porque outro día ensinareivos máis cousiñas reutilizadas), unha lámpara da que estou moi orgullosa. A idea primeira dende logo non é miña, sempre a unha a axudan a inspirarse as miles de ocorrencias que atopas en internet e que reviso e varío segundo as nosas necesidades. Nesta ocasión precisabamos luz para comer na mesa que antes vos presentei e non quería mercar nada, un día sen querer atopei unha lámpara feita cunha póla de árbore que me encantou e decidín que esa tiña que ser a idea para o noso comedor. 
 Primeiro merquei os materiais necesarios nunha tenda de suministros eléctricos na que me asesoraron moi ben e con moita paciencia (a rapaza que me atendeu tivo que repetirme varias veces cómo debía de facer para montar todo o cableado e demais pezas, asegúrovos que tivo moooita paciencia...). O máis caro foi o cable porque como ía ir bastante á vista escollín un deses trenzados que imitan un diseño antiguo, neste caso de cor marrón; no medio do cable puxemos un pequeno interruptor para non ter que enchufar e desenchufar continuamente.  
 O segundo foi atopar a rama, algo que non me costou nada de nada e que en principio parece que sería a etapa do deseño na que unha podería recrearse máis e dubidar moitísimo, non? Que se con follas ou sen elas, máis ou menos grosa, con ramiñas saíndo da principal... Pois non: eu paseaba pola finca e atopei na herba unha pequena poliña do eucalipto que por aquel entón aínda tiñamos plantado e nin que ela mesma tivese decidido caer daquela árbore pensando en se convertir na miña "iluminación" porque encaixaba perfectamente coa idea sinxela que eu buscaba. Tampouco me preocupaba demasiado que fose esta ou outra porque se algo ten bo este deseño de lámpara é que podes mudar de soporte sempre que che apeteza, ;)
 Et voilà!

Aquí podedes ver cómo resolvín o de suxeitar as bombillas, simplemente dándolle unhas voltas ó cable arredor da póla.


E por certo, como é unha lámpara situada enriba da mesa e esta ó mellor se cambia de posición segundo as circunstancias, puxemos un segundo enganche na viga para desprazala (podedes velo na primeira foto) e así iluminar mellor no caso de abrir a mesa por ser moitos a comer. Ah, e pódese subir e baixar segundo interese unha maior ou menor proximidade da luz gracias a que o cable non está fixado a ningún sitio, tan só pasámolo por unha alcaiata para que non colgue moito e finalmente xira arredor dun enganche-colgador e o seu propio peso a suxeita. Así é como quedou o resultado.


 É moi gratificante ver como podes ter solucións moi simples e baratas a necesidades do teu fogar. Tan só fai falta un pouco de imaxinación e paciencia, o resultado sempre compensa.

martes, 6 de novembro de 2012

Que chova, que chova, que chova.

 Este fin de semana foi longo, 4 días. No traballo fixemos ponte e aquí tentamos planear algunhas actividades, algunhas xa volas contei. Música e magosto ocorreron sábado e domingo pero xoves e venres foron moito máis caseiros, quitando un paseíño cara o fin da tarde para despexarse e apañar castañas.
 Non saímos moito en parte porque chovía e non creades que foi un fastidio, qué va, ningún problema, ningunha decepción, ningunha frustración, nada de nada. Por suposto que en casa estamos de marabilla, ó pé do lume,  vendo e sentindo a chuvia nos cristais e no tellado, fuchicando no ordenador (menos mal que temos internet...) e vagueando un pouco que iso tamén está moi ben; pero a razón que persoalmente me fai sentir que estes días mereceron a pena foi o moito que choveu.

 O verán pasado (agosto 2011) quedamos sen auga. Os depósitos dos que dispoñemos, provintes de manantiais naturais e compartidos con algún veciño máis, secaron por completo. Nin qué dicir ten que unha xa sabe da vital importancia da auga pero creo que nunca chegas a percibir a real inmensidade dun problema ata que estás completamente sumerxido nel (ben traído o verbiño...), maiormente cando temes que o futuro quizais non vaia ser moito mellor. 
 Ata novembro non puidemos volver a usar os nosos depósitos porque ata novembro non choveu, incrible! E sobrevivimos gracias ó veciño, que nos conectou a nosa tubería a unha das súas traídas. A partir de entón comezamos a pensar nas posibles solucións a un problema fundamental: garantir o noso abastecemento de auga. 
 A idea de ter que facer un pozo de barrena parecía cobrar máis forza pero, non sabemos ben por qué, este verán deunos tregua. Houbo momentos nos que os depósitos case non botaban e sen embargo aguantaron o tirón e o respiro de alivio total chegou en setembro cando comezou a chover. A verdade é que a sensación de "un problema menos" foi moi real; non ter auga é un problema xigante polo que é evidente para nós e os seres vivos que dependen de nós, animais e prantas,  pero tamén supoñía un problema económico máis co que cando decides vir vivir aquí non contas nin por asomo e que pode supoñer unha grande inversión solucionar.

 Por iso non saír de casa durante dous ou máis días seguidos impórtame moi pouco. Que chova, que chova, que chova... 

luns, 5 de novembro de 2012

Tambor de lavadora reciclado.

 Iso que vedes na foto é un tambor de lavadora que onte á tarde serviu como asador de castañas nun magosto entre amigos que celebramos na aldea, un exemplo de reciclaxe xenial.

 A idea deste magostiño entre veciños xurdiu despois de ir a un par de casas a axudar a apañar as patacas alá polo mes de setembro. Aquí é todavía moi habitual que os veciños se axuden nas labores do campo algo que en moitos sitios se está perdendo; o traballo comunitario e colaborativo desaparece en favor do individualismo, bueno, a xente que tamén desaparece das aldeas supoño que é outra razón de peso aínda que ó mesmo tempo unha razón importante para fomentar estes traballos compartidos, non? 
 O caso é que nós non iamos ser menos, ademais de botar unha man, que nunca vén mal, aproveitabamos para socializar. E pasámolo tan ben, sobre todo nos pinchiños e viños de despois do traballo, que pensamos que era un pouco triste que tivéramos que aproveitar a excusa  dunha labor para nos xuntar e botar unhas risas así que por qué non aproveitar o outono e celebrar un magosto.

 Onte disfrutamos dunha agradable reunión cos veciños diante da lareira dunha casa vella, disfrutamos da compañía mutua, dos contos e historias de antes, das risas... Ás veces parece tan doado levarse ben. 

domingo, 4 de novembro de 2012

Ampliando o círculo.

 Onte tivemos unha tarde moi especial, unímonos a un bloco de percusión brasileña!
 Tanto ó meu compañeiro coma min encántanos a música brasileña, a percusión, o baile... Temos a sorte de ter caído nun concello no que existe unha asociación cultural que traballa moito e da que xurden iniciativas moi interesantes, entre elas un importante festival de música tradicional de gran renome en Galicia. Ademais no seu momento xurdíu a idea de montar un bloco de percusión afrobrasileira entre algúns coñecidos (aínda que creo que agora funcionan de xeito independente) e aí están, dándoo todo os sábados á tarde en ensaios divertidísimos ou polo menos iso a nós nos pareceu.
 Estamos moi emocionados con esta idea que xa nos barruntaba fai tempo pero co traballo que antes tiña o meu compañeiro era un pouco complicado pensar en facer algo máis o fin de semana que descansar. Agora que non hai traballo (...) pois xa dispoñemos de forzas para poder ir xuntos e compartir esta actividade.

 Esta nova ilusión consigue aportarnos un montón de cousas, ou así o esperamos: non só unha actividade musical moi enriquecedora senón tamén un grupo de xente co que imos ter algo en común, a música e as ganas de pasalo ben xuntos. Imos ampliar o noso círculo e iso é fundamental, ás veces sentímonos un pouco sós. Non me refiro a que vivamos aillados e non haxa xente arredor, en absoluto, nese sentido a nosa aldea ten bastante "vidilla", refírome a que os nosos grupos de amigos, a xente coa que compartes máis cousas, coa que te sintes máis a gusto sendo ti mesma... están algo lonxe e vir vivir aquí supuxo por desgracia isto, distanciarnos dos nosos colegas. Así que dar este paso ou un semellante era fundamental para tentar ser un pouco máis felices, coñecer xente e xente que comparte con nós gustos ou a forma de ver a vida, algo imprescindible para non nos sentir un pouco "bichos raros".

 Se a vida nunha aldea ou nunha vila consigue ser marabillosa é en grande parte á xente que dende as asociacións culturais ou de xeito independente sigue loitando por facer cousas para que isto non acabe de morrer. Gracias a esa xente aquí hai algo que facer, algo moi ilusionante, algo que enche de vida e de ganas de facer un mesmo cousas semellantes para compartir entre todos e que axuden a seguir aprendendo, que axuden a vivir mellor.

sábado, 3 de novembro de 2012

Os cans (Capítulo 5).

 Este é o derradeiro capítulo da miña historia canina. Quizais me teña extendido demasiado con estas semblanzas dos meus cans pero creo que estivo ben, polo menos para min que é o que importa. Por algún sitio había que empezar e a miña cabeza tirou por aí, e por qué non. 

 Moura. Ela veu para substituír a Pincho, como Auryn a Queta. Adopteina na protectora da cidade e non me costou nada escollela, algo me fixo reparar nela aquel día: de entre os centos de cans que alí había mirei a meu arredor e non sei por qué fixeime nunha cadela de tamaño pequeno e paticorta pero moi forte. Dixéronme que era boísima coa xente, cos cans... sen embargo os cans de refuxio ás veces poden ter comportamentos problemáticos que aparecen pouco a pouco a medida que van recuperando a confianza e os instintos tanto tempo silenciados así que intentei ser prudente, sobre todo cando ó tela xa comigo me empecei a decatar de que quizais tivera un antecedente de can de presa: cabeza e mandíbula robustas por non falar do seu corpo de dimensións reducidas pero potentísimo.
 Xamais houbo nada do que preocuparse. É o mellor can que nunca tiven, o seu carácter non se viu afectado por máis dun ano de horrible estadía na protectora. É unha cadela equilibradísima, efectivamente moi boa con cans e xente, intelixentísima e obediente. Despois de tanto can con "taras" no comportamento por fin coñecín o que é disfrutar dun can como debe de ser (con todo o meu respeto e cariño polos meus canciños, creo que sabedes a que me refiro). Sen preocupacións.

 Moura é outro xoguete a catro patas desta casa, é enerxía e alegría a raudais. Outra compañeira de xogos incansable que cando está contenta comeza a correr pola finca derrapando nas curvas e volvendo para atoparse con Maya (a cadela da miña irmá) ou Auryn para finalmente golpearse peito contra peito e caer a rolos polo chan. 
 Encántame sentarme nas escaleiras de diante e observalas, podes estar durante longo rato disfrutando das súas correrías, das súas posicións de observación mutua na distancia e posterior ataque... Xeralmente o combate máis activo é entre Moura e Maya os días nos que esta última nos acompaña, unha loita na que case sempre gaña Moura sentando a súa barrigola sobre o corpo traseiro da segunda; Auryn intenta introducirse na pelexa pero xeralmente garda certa distancia ladrando sen parar como dicindo "Porque non me deixades meter no medio que se non veríades!". Son máis que divertidas.

 Ademais de todo este ambiente perruno tan positivo e alegre Moura tamén aporta unha dozura especial, é cariñosa ata o infinito e podería estarche regalando bicos sen parar. Ó mellor é o seu agradecemento por tela sacado do inferno. Din que os cans que tan só pasan dous meses nun refuxio quedan tan marcados que cando ti lles regalas unha nova vida nunca deixan de darche mostras de gratitude. Moura estivo alí máis dun ano e o seu carácter parece que non se vira afectado en nada, soubo aguantar sen perturbarse e sen ser perturbada. Calquera que fose o que renegou dela, dunha cadela que dende o meu punto de vista calquera pagaría por ter porque non hai outra mellor, non ten nin idea do que se perdeu. En fin, gracias (ou non) a esa persoa agora Moura é miña.
A que parece un dogo xigante?
Pois non, xigante é o que sinto por eles.




venres, 2 de novembro de 2012

Os cans (Capítulo 4)

 Sí, como vedes xa tiven uns cantos cans. Para a quen ler tanta biografía canina lle resulte un latazo, aviso que só me quedan dous capítulos e xa que me quedan dous cans ós que presentar pois voulles adicar cadanseu capítulo, que o merecen.

 Pincho. A Pincho recollímolo da rúa despois duns días véndoo merodear diante da casa da miña avoa. Eu xa non puiden máis o día que á noitiña mo atopei durmindo no medio e medio da rúa, no medio do asfalto, feito un nobelo. A acollida por parte da nosa manada foi moi boa, sobre todo por parte de Auryn, Buda tampouco estivo mal explicándolle cal era o seu lugar e non lle fixo falta recurrir á violencia. Axudou grandemente que Pincho era un can moi sumiso. 
 Afiado como unha argana, de aí o de Pincho, e de cor xenxibre como Auryn. Ó parecer tiña algo de podenco nas súas venas e debía de ser verdade porque en canto se empezou a soltar era un espectáculo velo correr polo monte seguindo a Buda nos seus rastrexos e voltando de regreso cando a eles lles parecía suficiente. É que Buda ten uns xens de can de caza moi marcados e Pincho era moi semellante pero distinguíanse no trato máis doméstico, Pincho era máis tranquilo e estaba moito máis pendente de nós. 
 Unha vez lin un libro que recomendo para os amantes dos cans (Cando o home atopou ó can de Konrad Lorenz) no que o autor explicaba que cada can pode descender dun antergo, o lobo ou o chacal, dependendo dunha procedencia ou outra o can terá un carácter máis marcado en determinados aspectos. Ler ese libro axudoume a seguir entendendo a Buda porque o meu vello era igual que un can que o autor tivera e que según el tiña o seu ascendente no lobo, isto facía que fose completa e irremediablemente  independente e pasota co seu dono aínda que ó mesmo tempo sabedor do seu pasotismo e das cousas que facía mal. Tal cual o meu Buda. Sen embargo Pincho (como Queta e Auryn) viñan do chacal, moito máis sumisos (que non tontos) e atentos ás miñas sinais.

 Aquel cadeliño de corpo tan fino era forte e enerxético, o compañeiro de xogos ideal para Auryn, incansable. Dende o primeiro momento non pararon de xogar, era un espectáculo velos correr e pelexar revolcándose polo chan. Pero ó entrar en casa era o animal máis doce do mundo, acubillábase no seu coxín e ata o día seguinte.
 Cando viñemos para a aldea xa eran eles tres. Un día de febreiro chamoume a veciña do lado dicíndome que Pincho escapara da finca e que estaba ferido no seu corral; ó parecer pelexara cun can unhas casas máis abaixo e intentara entrar en casa de novo pero non o conseguiu. O pobre estaba bastante mal ferido pois o can co que tivera a desgracia de se atopar mordérao na barriga,  probablemente a traición cando Pincho lla estaba mostrando en sinal de sumisión. Pero aquel can non era un bo can e foi directo a matalo (morder na barriga ten ese significado no mundo canino). Intentamos facer o que puidemos por salvalo pero despois duns días finalmente durmímolo para sempre. Que asco de vida, eu que esperaba darlles aquí a mellor delas e no caso de Pincho tampouco puido ser. Só nos acompañou uns meses.
 Creo que estes finais tan tristes cos meus cans me marcaron de xeito terrible pois cada vez que teño que marchar uns días (ás veces incluso menos tempo) sempre me invade o temor a qué poderá pasar na miña ausencia; e cando regreso, mesmo tan só despois dunhas poucas horas, sempre escruto dende a distancia buscándoos a cada un deles sans e salvos dentro da finca. É que no que levo de vida con compañía animal nunca me puiden despedir de ningún de maneira natural, sempre foi traumático e persoalmente non me resulta fácil de superar.

 En canto ós donos do can asasino, falei coa dona para explicarlle a situación e que quizais debería ter coidado pois ese can non era en absoluto seguro, só había que ver cómo se me enfrentou unha noite que quixen ir contarlles o que pasara e en lugar de desandar o camiño tiven que atravesar na oscuridade e chea de medo un camiño de silvas (que nin sabía se era camiño ou que era) por non pasar ó seu lado de novo. Aquel can non tiña chip, non tiña seguro... en fin. Polo menos a rapaza se me ofreceu a correr cos gastos da clínica que era o mínimo que me esperaba e desexaba, unha reacción minimamente empática e ela tívoa. Non lle fixen pagar nada, chegoume con ese xesto. 
 Pensades que foi suficiente? Dinlle moitas voltas entón porque se estivese na cidade outro galo cantaría, de seguro que lle esixiría ó dono en cuestión que me resarcira polo menos economicamente, dende logo ó meu canciño xa ninguén mo podía devolver; pero como se trata dunha aldea onde todos nos coñecemos, onde te cruzas con todo o mundo, na que "hai que levarse ben cos veciños", na que todavía tes que escoitar cousas como "son cans, qué lle vas facer"... Pois non me dá a gana, un can é un can por suposto que sí pero iso non os fai menos importantes e tampouco dá dereito a ninguén a ser un inconsciente e non saber o que ten baixo a súa responsabilidade. A legalidade e a responsabilidade tamén ten que chegar aquí, isto non é un mundo aparte.

 Ese can estaba ceibo, coma todos os da aldea, pero non era un can equilibrado nin intelixente. Así foi que un mes despois daquelo matou a Tucho, outro canciño pequeno que vivía ó noso lado e que se facía querer. O can asasino desapareceu para sempre.