venres, 30 de novembro de 2012

"Mentalidad gallega". Suscribo.

 Esta entrada fágoa despois de descubrir unha páxina chamada galiciaenfotos.com.
 O descubrimento foi totalmente casual pero absolutamente benvido, non sabedes canto nos puidemos rir lendo algunhas das sarcásticas entradas do seu autor, Juan Carlos. Foi tan desternillante que teño que compartir con vós este achado.

 A primeira entrada que atopei (buscando fotos de toxos, por certo) foi a que vos comento a continuación e que se chama "Mentalidad gallega". Nela critica, a partir dunha foto bastante descritiva, esa estreiteza de miras de moitos galegos que os fai ser tan ridículos e tan pouco racionais. Algún día contarei as nosas propias experiencias e que non fan máis que confirmar canto ben lles faría a algúns o de saír fóra un tempiño a comprobar como son as cousas polo mundo adiante.
 E por favor, que ninguén se ofenda se non hai necesidade. Por suposto que os galegos temos grandes virtudes pero dende logo esa outra cara ensombréceas con creces. Bueno, e se alguén se ofende, o que se pica...

 Déixovos a foto en cuestión e premendo nela accederedes á entrada correspondente.

xoves, 29 de novembro de 2012

Reutilización dun tronco.

 Esta semana decidín reutilizar un pequeno tronco que conseguimos despois de talar un eucalipto xigante que tiñamos na finca e que era unha ameaza polo seu tamaño. Teño que confesar que non lle teño moito amor ós eucaliptos, xa imaxinaredes por que, pero este era un exemplar tan grande e fermoso que nos deu moita mágoa talalo. O bo é que nos deu leña a barrer.

 Daquela tala e poda saíu un pequeno tronco cunha forma bonita que me daba lástima que fose ó lume así que o apartei para algún día facer algo con el. A idea inicial sempre foi a de facer unha lámpara; nuncan tiven claro como ía ser sen embargo esta semana encendéuseme unha luz (nunca mellor dito) e vino claro. Co gallo do cumpre de unha das miñas mellores amigas púxenme mans á obra.

 Foi un traballo en realidade moi sinxelo: lixa e barniz incoloro. Despois merquei un aplique para unha bombilla e montei o cable cun deses trenzados de fío que imitan ós antiguos, eu mesma puxen o enchufe e o interruptor, nada do outro mundo en realidade pero aí tamén está o amor que vai no regalo, a man de obra completamente miña.


 (Gústame o detalle da madeira abríndose, moito)

 E aquí o resultado nunha esquina da miña casa, porque esta lámpara é para crear ambiente na que será a próxima casa da miña amiga.


 Un detalle bastante resultón feito por moi poucos euros pero iso sí, con todo o cariño do mundo. Que vos parece?
 

martes, 27 de novembro de 2012

Begasa arrasa!

 O venres pasado despertámonos co ruído dunhas motoserras ó pé de casa. Unha pequena cuadrilla enviada polo SEPRONA en nome de BEGASA (ou viceversa, dáme igual) estaban a cortar algunhas das árbores que había arredor do cableado da luz. Unha desas árbores era nosa, un carballo.
 Saímos mirar o que estaban a facer e de paso controlar a poda do noso carballo. E xa tivemos discusión pola mañá cedo.

 Efectivamente necesitamos luz e que o cableado esté o máis libre posible de calquer accidente provocado polas árbores porque se evitan problemas co suministro eléctrico, por suposto que si, pero o que non podo entender nin aceptar é que esa poda sexa tan drástica, por exemplo non tendo en conta a especie que se está a podar ou talar. É así o caso dun buxo que o noso veciño ten xusto debaixo do cableado que vai a unha farola (farola prescindible, ó meu modo de ver); ese buxo ó mellor ten 200 anos, é unha exemplar incrible e debería respetarse e protexerse case baixo calquer circunstancia. Pois resulta que na ocasión anterior na que os da cuadrilla de poda estiveron aquí metéronlle uns bos cortes ó buxo en cuestión; tendo en conta que este nin siquera estaba a un metro do cable e tendo en conta tamén que o ritmo de crecemento desta árbore é lentísimo, que necesidade había de podalo?
 Outro dos argumentos da responsable da cuadrilla foi que había que evitar que as árbores caeran contra os cables en caso dun temporal e vento forte. Dende logo ese non era o caso do buxo, xamais podería caer contra o cable se está xusto por debaixo del.

 Despois de intercambiar opinións pedinlle por favor que transmitira as miñas queixas ós seus superiores, que de seguro non serviría de nada, como  soe ser  normal. Tamén lle dixen que ultimamente estou bastante ata os... de que os de enriba fagan o que lles dé a real gana cos que estamos abaixo. As árbores son nosas despois de todo e son árbores moi valiosas, ó mellor non no mercado pero sí en canto a tesouros do noso monte. 
 Non sei se para congraciarse comigo, a rapaza responsable pediume que nalgún momento me achegara a ver o que outra cuadrilla tiña feito nunha zona de media tensión un pouco máis arriba da nosa aldea, que menos mal que ela levaba ese traballo na nosa zona que se chegan a vir outros poderían ter sido aínda máis salvaxes. 

 O domingo á tardiña fumos alá. Estas fotos a continuación son algunhas pequenas mostras do arrase que ó meu modo de ver fixeron. Pensade na enorme altura do poste da media tensión que por certo ningunha árbore das que cortaron sobrepasaba.



 As árbores non só eran pinos, tamén había castiñeiros, carballos... O que é alucinante é como os arrancaron pola raíz! Qué utilizaron para limpar, un bulldozer?! Porque eses pinos aí abaixo dan bastante pena así tirados, cando quedaban ó mellor a 5 metros dos cables, dos cables! que non dos "postes" enormes de media tensión. E pensando nos donos dos pinos, agora teñen que ser eles os que amañen tamaño desaguisado.



 E como mostra do que fixeron con árbores máis cativas en zonas dun só cable, mirade esta desfeita co carballiño seguinte e co salgueiro (creo...) de embaixo.



 Quero que quede claro que entendo perfectamente e respeto que se realicen a cabo certas labores de limpeza pero quizais esta limpeza podería desenrolarse con maior sensibilidade, non vindo unha vez cada moito tempo para arrasar co que encontran só pola comodidade que dá un traballo mal feito, a comodidade de non ter que voltar podar nin cortar noutro moitísimo tempo.  Porque estou convencida que querendo dende logo se pode facer mellor.
 Creo que xa vai sendo hora de que ser "civilización" ou pertencer a ela non nos otorgue o dereito de facer con estas árbores o que a uns poucos lles dé a real gana, sen ningún tipo de cuestionamento. A vida e o progreso teñen que mirar cara a natureza, deben voltar á natureza e a unha defensa da mesma a ultranza, se non qué nos queda? Por iso...






domingo, 18 de novembro de 2012

Música coral na nosa aldea.

  O ano pasado o coro no que estou solicitou á parroquia o uso da Igrexa durante un día enteiro para preparar un repertorio complicadiño que tiñamos. Ensaiamos un sábado enteiriño. E estivemos moi a gusto.
 Coa excusa de devolver o favor, comenteille ó dire a posibilidade de facer un concertiño e non houbo ningún problema tanto por parte del como de tódolos cantores. A verdade é que nese sentido teño e temos moita sorte, é un grupo de xente fantástico co que podes contar para o que sexa e ten máis mérito aínda porque todo o que facemos é sen ánimo de lucro, nunca cobramos un peso, é o amor á música e o interese por difundir este tipo de música o que motiva este tipo de iniciativas altruistas.

 Hoxe foi o concerto. Non é que a Igrexa estivera a reventar pero sí houbo xente e a que foi saíu máis que encantada. Evidentemente eu tiña grande interese en que lles gustara porque así tería pagado a pena o esforzo dos compañeiros de ir ata alí un domingo a media mañá, cando sabemos que todo o mundo ten a súa vida e demais. E houbo un detalle que me axudaba durante o concerto a pensar que efectivamente lles estaba cando menos gustando e este foi ver que o dono da única taberna dos arredores (que me avisara antes de empezar que marcharía antes do remate por precisamente ter que ir axudar á súa dona a abrir o negocio) non se moveu ata o final, mesmo escoitou o bis! E cando rematamos achegouse a dicirme que "Cómo podía ter marchado, non podía marchar sen dárvolas gracias por esta marabilla de concerto!". Que mellor mostra de disfrute e goce musical que aquel veciño retrasara a apertura do seu propio negocio, non puido levantarse do banco do que lle gustou!
 Por el e por tódolos demais, por supostísimo, mereceu moito a pena.
  
 Unha das miñas intencións na nosa vida aquí é tratar de dinamizar culturalmente este lugar, por exemplo creando algún tipo de asociación a través da cal poidamos realizar obradoiros, charlas... ou calqueroutra actividade (como este concerto) que supoña seguir aprendendo e non estar esquecidos do mundo. Porque vivir nunha aldea non debería significar vivir marxinados, aquí tamén teñen que chegar oportunidades de descubrir e crecer e se para iso agardamos a que o sistema (calquera que sexa) nolas ofreza... podemos esperar sentados.
  

mércores, 14 de novembro de 2012

domingo, 11 de novembro de 2012

A nosas reciclaxes.

 A fin de semana pasada ensineivos un tambor de lavadora reciclado para asar castañas. Hoxe gustaríame ensinarvos algunhas ideas nosas tamén de reciclaxe ou reutilización dos recursos que temos cerca: unha lámpara, unha mesa e as súas cadeiras e un zapateiro.

 Cando chegamos aquí atopamos mobles que eran dos antigos donos e que estaban desaproveitados nas cortes da casa. Algúns deles recuperámolos como por exemplo algún cabeceiro de madeira para a nosa habitación, sillas... pero unha das cousas que mellor proveito nos deu foron un xogo de mesa e sillas de salón moi típicas dos anos 70, creo eu. Decidín pintar as patas (a única parte de boa madeira) dunha cor verde viva e adornar a superficie da mesa (de aglomerado e chapa) cun vinilo de tonalidade semellante; a xogo tamén pintei as cadeiras pero cada unha dun xeito distinto deixando zonas diferentes en cada unha delas coa antiga cor da madeira á vista; ó mesmo tempo miña nai tapizounas cunha tela de cores bastante rechamante. 
 Ó mellor na foto apréciase demasiado esaxerado o verde que escollín pero como o salón é grande non fai o efecto que quizais transmitan as fotos; dende logo con esta reutilización aforrámonos mercar un conxunto de comedor enteiro.
         
                          
 A seguinte reciclaxe foi dun palé. Poucos obxectos tan simples presentan tantas posibilidades como os palés; pola rede consigues atopar centos de ideas nas que transformalos, por iso nós gardamos un par deles para algunha ocasión na que decidamos darlles unha segunda vida. De momento ensínovos a primeira das nosas ideas (nada orixinal por certo), un zapateiro. Tan só dúas puntiñas na parede e un par de tabliñas a modo de repisa e listo! Todavía nos falta lixalo e aplicarlle barniz ou pintura.


 E para rematar (por hoxe de momento porque outro día ensinareivos máis cousiñas reutilizadas), unha lámpara da que estou moi orgullosa. A idea primeira dende logo non é miña, sempre a unha a axudan a inspirarse as miles de ocorrencias que atopas en internet e que reviso e varío segundo as nosas necesidades. Nesta ocasión precisabamos luz para comer na mesa que antes vos presentei e non quería mercar nada, un día sen querer atopei unha lámpara feita cunha póla de árbore que me encantou e decidín que esa tiña que ser a idea para o noso comedor. 
 Primeiro merquei os materiais necesarios nunha tenda de suministros eléctricos na que me asesoraron moi ben e con moita paciencia (a rapaza que me atendeu tivo que repetirme varias veces cómo debía de facer para montar todo o cableado e demais pezas, asegúrovos que tivo moooita paciencia...). O máis caro foi o cable porque como ía ir bastante á vista escollín un deses trenzados que imitan un diseño antiguo, neste caso de cor marrón; no medio do cable puxemos un pequeno interruptor para non ter que enchufar e desenchufar continuamente.  
 O segundo foi atopar a rama, algo que non me costou nada de nada e que en principio parece que sería a etapa do deseño na que unha podería recrearse máis e dubidar moitísimo, non? Que se con follas ou sen elas, máis ou menos grosa, con ramiñas saíndo da principal... Pois non: eu paseaba pola finca e atopei na herba unha pequena poliña do eucalipto que por aquel entón aínda tiñamos plantado e nin que ela mesma tivese decidido caer daquela árbore pensando en se convertir na miña "iluminación" porque encaixaba perfectamente coa idea sinxela que eu buscaba. Tampouco me preocupaba demasiado que fose esta ou outra porque se algo ten bo este deseño de lámpara é que podes mudar de soporte sempre que che apeteza, ;)
 Et voilà!

Aquí podedes ver cómo resolvín o de suxeitar as bombillas, simplemente dándolle unhas voltas ó cable arredor da póla.


E por certo, como é unha lámpara situada enriba da mesa e esta ó mellor se cambia de posición segundo as circunstancias, puxemos un segundo enganche na viga para desprazala (podedes velo na primeira foto) e así iluminar mellor no caso de abrir a mesa por ser moitos a comer. Ah, e pódese subir e baixar segundo interese unha maior ou menor proximidade da luz gracias a que o cable non está fixado a ningún sitio, tan só pasámolo por unha alcaiata para que non colgue moito e finalmente xira arredor dun enganche-colgador e o seu propio peso a suxeita. Así é como quedou o resultado.


 É moi gratificante ver como podes ter solucións moi simples e baratas a necesidades do teu fogar. Tan só fai falta un pouco de imaxinación e paciencia, o resultado sempre compensa.

martes, 6 de novembro de 2012

Que chova, que chova, que chova.

 Este fin de semana foi longo, 4 días. No traballo fixemos ponte e aquí tentamos planear algunhas actividades, algunhas xa volas contei. Música e magosto ocorreron sábado e domingo pero xoves e venres foron moito máis caseiros, quitando un paseíño cara o fin da tarde para despexarse e apañar castañas.
 Non saímos moito en parte porque chovía e non creades que foi un fastidio, qué va, ningún problema, ningunha decepción, ningunha frustración, nada de nada. Por suposto que en casa estamos de marabilla, ó pé do lume,  vendo e sentindo a chuvia nos cristais e no tellado, fuchicando no ordenador (menos mal que temos internet...) e vagueando un pouco que iso tamén está moi ben; pero a razón que persoalmente me fai sentir que estes días mereceron a pena foi o moito que choveu.

 O verán pasado (agosto 2011) quedamos sen auga. Os depósitos dos que dispoñemos, provintes de manantiais naturais e compartidos con algún veciño máis, secaron por completo. Nin qué dicir ten que unha xa sabe da vital importancia da auga pero creo que nunca chegas a percibir a real inmensidade dun problema ata que estás completamente sumerxido nel (ben traído o verbiño...), maiormente cando temes que o futuro quizais non vaia ser moito mellor. 
 Ata novembro non puidemos volver a usar os nosos depósitos porque ata novembro non choveu, incrible! E sobrevivimos gracias ó veciño, que nos conectou a nosa tubería a unha das súas traídas. A partir de entón comezamos a pensar nas posibles solucións a un problema fundamental: garantir o noso abastecemento de auga. 
 A idea de ter que facer un pozo de barrena parecía cobrar máis forza pero, non sabemos ben por qué, este verán deunos tregua. Houbo momentos nos que os depósitos case non botaban e sen embargo aguantaron o tirón e o respiro de alivio total chegou en setembro cando comezou a chover. A verdade é que a sensación de "un problema menos" foi moi real; non ter auga é un problema xigante polo que é evidente para nós e os seres vivos que dependen de nós, animais e prantas,  pero tamén supoñía un problema económico máis co que cando decides vir vivir aquí non contas nin por asomo e que pode supoñer unha grande inversión solucionar.

 Por iso non saír de casa durante dous ou máis días seguidos impórtame moi pouco. Que chova, que chova, que chova... 

luns, 5 de novembro de 2012

Tambor de lavadora reciclado.

 Iso que vedes na foto é un tambor de lavadora que onte á tarde serviu como asador de castañas nun magosto entre amigos que celebramos na aldea, un exemplo de reciclaxe xenial.

 A idea deste magostiño entre veciños xurdiu despois de ir a un par de casas a axudar a apañar as patacas alá polo mes de setembro. Aquí é todavía moi habitual que os veciños se axuden nas labores do campo algo que en moitos sitios se está perdendo; o traballo comunitario e colaborativo desaparece en favor do individualismo, bueno, a xente que tamén desaparece das aldeas supoño que é outra razón de peso aínda que ó mesmo tempo unha razón importante para fomentar estes traballos compartidos, non? 
 O caso é que nós non iamos ser menos, ademais de botar unha man, que nunca vén mal, aproveitabamos para socializar. E pasámolo tan ben, sobre todo nos pinchiños e viños de despois do traballo, que pensamos que era un pouco triste que tivéramos que aproveitar a excusa  dunha labor para nos xuntar e botar unhas risas así que por qué non aproveitar o outono e celebrar un magosto.

 Onte disfrutamos dunha agradable reunión cos veciños diante da lareira dunha casa vella, disfrutamos da compañía mutua, dos contos e historias de antes, das risas... Ás veces parece tan doado levarse ben. 

domingo, 4 de novembro de 2012

Ampliando o círculo.

 Onte tivemos unha tarde moi especial, unímonos a un bloco de percusión brasileña!
 Tanto ó meu compañeiro coma min encántanos a música brasileña, a percusión, o baile... Temos a sorte de ter caído nun concello no que existe unha asociación cultural que traballa moito e da que xurden iniciativas moi interesantes, entre elas un importante festival de música tradicional de gran renome en Galicia. Ademais no seu momento xurdíu a idea de montar un bloco de percusión afrobrasileira entre algúns coñecidos (aínda que creo que agora funcionan de xeito independente) e aí están, dándoo todo os sábados á tarde en ensaios divertidísimos ou polo menos iso a nós nos pareceu.
 Estamos moi emocionados con esta idea que xa nos barruntaba fai tempo pero co traballo que antes tiña o meu compañeiro era un pouco complicado pensar en facer algo máis o fin de semana que descansar. Agora que non hai traballo (...) pois xa dispoñemos de forzas para poder ir xuntos e compartir esta actividade.

 Esta nova ilusión consigue aportarnos un montón de cousas, ou así o esperamos: non só unha actividade musical moi enriquecedora senón tamén un grupo de xente co que imos ter algo en común, a música e as ganas de pasalo ben xuntos. Imos ampliar o noso círculo e iso é fundamental, ás veces sentímonos un pouco sós. Non me refiro a que vivamos aillados e non haxa xente arredor, en absoluto, nese sentido a nosa aldea ten bastante "vidilla", refírome a que os nosos grupos de amigos, a xente coa que compartes máis cousas, coa que te sintes máis a gusto sendo ti mesma... están algo lonxe e vir vivir aquí supuxo por desgracia isto, distanciarnos dos nosos colegas. Así que dar este paso ou un semellante era fundamental para tentar ser un pouco máis felices, coñecer xente e xente que comparte con nós gustos ou a forma de ver a vida, algo imprescindible para non nos sentir un pouco "bichos raros".

 Se a vida nunha aldea ou nunha vila consigue ser marabillosa é en grande parte á xente que dende as asociacións culturais ou de xeito independente sigue loitando por facer cousas para que isto non acabe de morrer. Gracias a esa xente aquí hai algo que facer, algo moi ilusionante, algo que enche de vida e de ganas de facer un mesmo cousas semellantes para compartir entre todos e que axuden a seguir aprendendo, que axuden a vivir mellor.

sábado, 3 de novembro de 2012

Os cans (Capítulo 5).

 Este é o derradeiro capítulo da miña historia canina. Quizais me teña extendido demasiado con estas semblanzas dos meus cans pero creo que estivo ben, polo menos para min que é o que importa. Por algún sitio había que empezar e a miña cabeza tirou por aí, e por qué non. 

 Moura. Ela veu para substituír a Pincho, como Auryn a Queta. Adopteina na protectora da cidade e non me costou nada escollela, algo me fixo reparar nela aquel día: de entre os centos de cans que alí había mirei a meu arredor e non sei por qué fixeime nunha cadela de tamaño pequeno e paticorta pero moi forte. Dixéronme que era boísima coa xente, cos cans... sen embargo os cans de refuxio ás veces poden ter comportamentos problemáticos que aparecen pouco a pouco a medida que van recuperando a confianza e os instintos tanto tempo silenciados así que intentei ser prudente, sobre todo cando ó tela xa comigo me empecei a decatar de que quizais tivera un antecedente de can de presa: cabeza e mandíbula robustas por non falar do seu corpo de dimensións reducidas pero potentísimo.
 Xamais houbo nada do que preocuparse. É o mellor can que nunca tiven, o seu carácter non se viu afectado por máis dun ano de horrible estadía na protectora. É unha cadela equilibradísima, efectivamente moi boa con cans e xente, intelixentísima e obediente. Despois de tanto can con "taras" no comportamento por fin coñecín o que é disfrutar dun can como debe de ser (con todo o meu respeto e cariño polos meus canciños, creo que sabedes a que me refiro). Sen preocupacións.

 Moura é outro xoguete a catro patas desta casa, é enerxía e alegría a raudais. Outra compañeira de xogos incansable que cando está contenta comeza a correr pola finca derrapando nas curvas e volvendo para atoparse con Maya (a cadela da miña irmá) ou Auryn para finalmente golpearse peito contra peito e caer a rolos polo chan. 
 Encántame sentarme nas escaleiras de diante e observalas, podes estar durante longo rato disfrutando das súas correrías, das súas posicións de observación mutua na distancia e posterior ataque... Xeralmente o combate máis activo é entre Moura e Maya os días nos que esta última nos acompaña, unha loita na que case sempre gaña Moura sentando a súa barrigola sobre o corpo traseiro da segunda; Auryn intenta introducirse na pelexa pero xeralmente garda certa distancia ladrando sen parar como dicindo "Porque non me deixades meter no medio que se non veríades!". Son máis que divertidas.

 Ademais de todo este ambiente perruno tan positivo e alegre Moura tamén aporta unha dozura especial, é cariñosa ata o infinito e podería estarche regalando bicos sen parar. Ó mellor é o seu agradecemento por tela sacado do inferno. Din que os cans que tan só pasan dous meses nun refuxio quedan tan marcados que cando ti lles regalas unha nova vida nunca deixan de darche mostras de gratitude. Moura estivo alí máis dun ano e o seu carácter parece que non se vira afectado en nada, soubo aguantar sen perturbarse e sen ser perturbada. Calquera que fose o que renegou dela, dunha cadela que dende o meu punto de vista calquera pagaría por ter porque non hai outra mellor, non ten nin idea do que se perdeu. En fin, gracias (ou non) a esa persoa agora Moura é miña.
A que parece un dogo xigante?
Pois non, xigante é o que sinto por eles.




venres, 2 de novembro de 2012

Os cans (Capítulo 4)

 Sí, como vedes xa tiven uns cantos cans. Para a quen ler tanta biografía canina lle resulte un latazo, aviso que só me quedan dous capítulos e xa que me quedan dous cans ós que presentar pois voulles adicar cadanseu capítulo, que o merecen.

 Pincho. A Pincho recollímolo da rúa despois duns días véndoo merodear diante da casa da miña avoa. Eu xa non puiden máis o día que á noitiña mo atopei durmindo no medio e medio da rúa, no medio do asfalto, feito un nobelo. A acollida por parte da nosa manada foi moi boa, sobre todo por parte de Auryn, Buda tampouco estivo mal explicándolle cal era o seu lugar e non lle fixo falta recurrir á violencia. Axudou grandemente que Pincho era un can moi sumiso. 
 Afiado como unha argana, de aí o de Pincho, e de cor xenxibre como Auryn. Ó parecer tiña algo de podenco nas súas venas e debía de ser verdade porque en canto se empezou a soltar era un espectáculo velo correr polo monte seguindo a Buda nos seus rastrexos e voltando de regreso cando a eles lles parecía suficiente. É que Buda ten uns xens de can de caza moi marcados e Pincho era moi semellante pero distinguíanse no trato máis doméstico, Pincho era máis tranquilo e estaba moito máis pendente de nós. 
 Unha vez lin un libro que recomendo para os amantes dos cans (Cando o home atopou ó can de Konrad Lorenz) no que o autor explicaba que cada can pode descender dun antergo, o lobo ou o chacal, dependendo dunha procedencia ou outra o can terá un carácter máis marcado en determinados aspectos. Ler ese libro axudoume a seguir entendendo a Buda porque o meu vello era igual que un can que o autor tivera e que según el tiña o seu ascendente no lobo, isto facía que fose completa e irremediablemente  independente e pasota co seu dono aínda que ó mesmo tempo sabedor do seu pasotismo e das cousas que facía mal. Tal cual o meu Buda. Sen embargo Pincho (como Queta e Auryn) viñan do chacal, moito máis sumisos (que non tontos) e atentos ás miñas sinais.

 Aquel cadeliño de corpo tan fino era forte e enerxético, o compañeiro de xogos ideal para Auryn, incansable. Dende o primeiro momento non pararon de xogar, era un espectáculo velos correr e pelexar revolcándose polo chan. Pero ó entrar en casa era o animal máis doce do mundo, acubillábase no seu coxín e ata o día seguinte.
 Cando viñemos para a aldea xa eran eles tres. Un día de febreiro chamoume a veciña do lado dicíndome que Pincho escapara da finca e que estaba ferido no seu corral; ó parecer pelexara cun can unhas casas máis abaixo e intentara entrar en casa de novo pero non o conseguiu. O pobre estaba bastante mal ferido pois o can co que tivera a desgracia de se atopar mordérao na barriga,  probablemente a traición cando Pincho lla estaba mostrando en sinal de sumisión. Pero aquel can non era un bo can e foi directo a matalo (morder na barriga ten ese significado no mundo canino). Intentamos facer o que puidemos por salvalo pero despois duns días finalmente durmímolo para sempre. Que asco de vida, eu que esperaba darlles aquí a mellor delas e no caso de Pincho tampouco puido ser. Só nos acompañou uns meses.
 Creo que estes finais tan tristes cos meus cans me marcaron de xeito terrible pois cada vez que teño que marchar uns días (ás veces incluso menos tempo) sempre me invade o temor a qué poderá pasar na miña ausencia; e cando regreso, mesmo tan só despois dunhas poucas horas, sempre escruto dende a distancia buscándoos a cada un deles sans e salvos dentro da finca. É que no que levo de vida con compañía animal nunca me puiden despedir de ningún de maneira natural, sempre foi traumático e persoalmente non me resulta fácil de superar.

 En canto ós donos do can asasino, falei coa dona para explicarlle a situación e que quizais debería ter coidado pois ese can non era en absoluto seguro, só había que ver cómo se me enfrentou unha noite que quixen ir contarlles o que pasara e en lugar de desandar o camiño tiven que atravesar na oscuridade e chea de medo un camiño de silvas (que nin sabía se era camiño ou que era) por non pasar ó seu lado de novo. Aquel can non tiña chip, non tiña seguro... en fin. Polo menos a rapaza se me ofreceu a correr cos gastos da clínica que era o mínimo que me esperaba e desexaba, unha reacción minimamente empática e ela tívoa. Non lle fixen pagar nada, chegoume con ese xesto. 
 Pensades que foi suficiente? Dinlle moitas voltas entón porque se estivese na cidade outro galo cantaría, de seguro que lle esixiría ó dono en cuestión que me resarcira polo menos economicamente, dende logo ó meu canciño xa ninguén mo podía devolver; pero como se trata dunha aldea onde todos nos coñecemos, onde te cruzas con todo o mundo, na que "hai que levarse ben cos veciños", na que todavía tes que escoitar cousas como "son cans, qué lle vas facer"... Pois non me dá a gana, un can é un can por suposto que sí pero iso non os fai menos importantes e tampouco dá dereito a ninguén a ser un inconsciente e non saber o que ten baixo a súa responsabilidade. A legalidade e a responsabilidade tamén ten que chegar aquí, isto non é un mundo aparte.

 Ese can estaba ceibo, coma todos os da aldea, pero non era un can equilibrado nin intelixente. Así foi que un mes despois daquelo matou a Tucho, outro canciño pequeno que vivía ó noso lado e que se facía querer. O can asasino desapareceu para sempre.



xoves, 1 de novembro de 2012

Os cans (Capítulo 3).

 Estou de volta. Continúo.
 Intentei recuperarme do de Queta buscando de seguido outra cadela. Atopeina na base de datos dunha asociación protectora de animais de Badajoz buscando por internet, APADAN. Creo que intentando restituir a Queta da maneira máis fiel eu buscaba unha cadela que se semellase moito. Esa foi Auryn, pero en vez de negra era cor dourada. 
 O meu amigo Lois acompañoume nunha viaxe de 4 días para ir na súa procura. Cando estaba a piques de collela en brazos a rapaza que a coidaba  comentoume que tan só tiña un problemiña: debía ter coidado coa relación de Auryn cos homes; xusto nese mesmo instante Lois estaba achegándolle a súa man e Auryn saltou mandíbula aberta a por el. Nese mesmo instante tamén me plantexei que quizais estaba a piques de facerme con outro animal conflictivo, con algún tipo de perigosa manía que me podería traer a min problemas, algo semellante ó que me pasara con Queta, algo do que por certo  me advertiran

 Auryn entrou en casa cun maior distanciamento pola miña parte na benvida e posterior introducción na manada, non quería repetir os mesmos erros que con Quetiña. Eu tentaba ser máis fría para non afacela a min. Parecía que o conseguía, tamén axudaba que ela tiña moita máis relación con Buda o cal me alegraba enormemente. Despois estaba o problema cos varóns, efectivamente algo lle pasaba con eles, era pasar ó lado e Auryn lanzábaselles ás pernas; só collendo confianza e deixándolle o seu ritmo acababa por toleralos sen problemas. 
 Nese sentido vir a vivir a unha aldea axudoulle moitoísimo, mellorou un montón o carácter e reduciu o medo (porque a raíz das súas reaccións violentas sempre estivo no medo). É a única que consigue escabullirse do cercado que puxemos aplastándose contra as pedras do muro para pasar como nunha especie de limbo por debaixo da rede; e por iso consigue ter moita máis relación con todo o mundo, o que precisamente axudou na súa integración social. Cada vez que saímos para ir a casa de alguén ela sempre acaba aparecendo, é cuestión de segundos. Porque iso sí, o de que descanse tranquila en casa cando eu non estou non é que o conseguíramos de todo só que é bastante menos problemática do que Queta era. Ah, e cando non estamos ten o atrevemento de ir de tapas a casa dos veciños máis próximos cos que fixo moi boas migas, tanto varóns coma mulleres.

 "Ginger Neurotic", así a chamaba unha rapaza australiana que estivo por aquí convivindo con ela uns días. E vaille que nin ó pelo. A miña Auryn é unha neurótica que nunca sabe o que quere, non sabe se comer ou non, se querer a este ou odialo, non sabe se estar dentro ou fóra... que pode estar controlando quen vén ou pasa mentras non me perde de vista na cociña non vaia ser que caia algo ó chan, que ten os privilexios que ningún outro can na aldea nunca tivo nin terá porque sempre está dentro das cociñas durante as nosas visitas (qué remedio, ou iso ou aguantala raiando na porta e ladrando fóra) e é a que durme na nosa habitación... Isto último eu estou convencida que foi unha máis das súas estrataxemas de víctima para conseguir o que quere: Queta durmía comigo pero con Auryn intentei evitalo, o impedimento estivo no problema de Auryn ó mexarse dentro do salón durante a noite; eu non conseguía solucionalo e entón metina na habitación para controlar o seu sono durante o meu e poder evitar que se levantara. Conseguino! Sí, pero coa condición de ser a miña segunda compañeira de habitación. De momento aí seguimos.  

 Tanta descrición recórdame canto me queda todavía por aprender mais aínda que non o pareza... imos facendo progresos.

 



Os cans (Capítulo 2).

 Creo que na entrada anterior con este título me extendín de máis. Tampouco creo que fose capaz de explicar a miña historia e a de Buda con menos palabras (bufff, e as que faltaron...), en fin. 
 Hoxe quero seguir o percorrido pola miña historia canina de xeito moito máis rápido e breve ou polo menos intentalo.

 Queta. Este era o nome da que se convertiu no número tres da miña manada porque ata entón só eramos dous, xa sabedes, Buda e mais eu.
 Esa cadela gañou un lugar na miña casa dende o primeiro momento que a vin, todo era alegría e cariño, namorei dela ó instante. Ese flechazo ocorreu no "refuxio" de cans da miña cidade cando despois de chamar á porta ela saíu coma un foguete cara min, evidentemente tería dado igual que fose calqueroutra persoa, ela era así. Eu non ía buscando un can para min senón para a miña irmá pero ó final deixeime levar de novo por un impulso e ós poucos días fun buscala. Por certo, un inciso na historia para facer un alegato en favor da adopción de cans: adoptar a Queta costoume entón 30€ e iso supoñía vacuna, chip e desparasitación, ademais o "refuxio" ten ou tiña un convenio coa universidade e isto incluía a castración gratuita da cadela no Hospital Veterinario e a operación dunha hernia que a cadeliña tiña, todo gratuito. 

 Con Queta, igual que con Buda, aprendín moitísimo e sobre todo a raíz dos meus erros con ela. Era unha cadela pequeniña pequeniña de cor negro que me inspiraba moitísima compasión dado que viña dun lugar horrible e iso fíxome protexela enormemente pero dun modo incorrecto: permitíalle achegarse sempre que quería demandando os meus mimos ou a miña compañía, permitíalle seguirme a calquer sitio tanto dentro coma fóra de casa... e iso creou nela a necesidade extrema de estar sempre cabo de min, sen querer eu fun a que provoquei esa necesidade e isto acabou por darme problemas. Cada vez que eu marchaba de casa Queta pasábao fatal, entraba nun estado de ansiedade moi grande e non paraba de ladrar, a compañía de Buda non servía para calmala, só se tranquilizaba unha vez que eu voltaba a casa. Como comprenderedes isto causoume problemas cos veciños. Así que empecei a investigar cómo deter ese comportamento e entendín que o que tiña que conseguir é que ela cambiara o chip que eu sen decatarme lle activara na cabeciña: a súa función na manada non era estar pendente de min constantemente senón simplemente vivir tranquila e en equilibrio libre desa obriga. Pouco a pouco empecei a conseguir resultados, premiándoa cada vez que ela non se movía do seu sitio (por exemplo cada vez que eu ía ó baño...) e uns  poucos meses despois do toque de atención dos veciños Queta xa  quedaba moito máis tranquila na terraza. 
 Por outra banda, Queta era a compañeira ideal, o que sempre quixera nun can pois Buda era o oposto: ela paseaba sen correa ó meu lado, se a chamaba sempre viña, podía estar tranquila estando con ela entre persoas ou cans e cando iamos en coche botaba a cabeciña pola ventá, un detalle que sempre me gustara dos cans, non sei por que.

 O terrible veu tamén pouco despois. Unha noite tiven que deixalos en casa  como noutras moitas ocasións, porque eu debía saír pero aquel día as circunstancias fixeron que ela estivese moi nerviosa. Ás tres ou catro horas voltei e entón ocorreu un dos momentos sen dúbida máis terribles ata o momento na miña vida: a miña Quetiña colgaba dunha ventá entreaberta, afogara intentando entrar en casa, intentando ir comigo.
 Aínda hoxe sinto unha dor moi fonda cando recordo todo aquelo. Creo que me sigo sentindo culpable. 
 O vínculo que se pode crear entre unha persoa e o seu can é tan forte que creo que mesmo pode superar ás relacións humanas. A min dende logo pasoume e non me avergonza dicilo, sentín máis dor e sigo sentindo máis dor por aquela cadela miña que o que probablemente vaia sentir na perda de certos afectos humanos.
(Creo que por agora vou parar, de súpeto a miña alma está moi triste)