sábado, 7 de decembro de 2013

As xoias da mañá.

 Envexo (sanamente) á xente que madruga. Gustaríame tanto ser capaz de erguerme con ganas e de maneira natural a iso das 9 da mañá, por exemplo. Pero non son así, son das que disfrutan da cama tanto tanto... O meu corpo non ten présa por recuperar a verticalidade cando a luz comeza a entrar a través das contras da habitación. Mentres, a miña mente trata de apaciguarse loitando contra o sentimento (lixeiro...) de mágoa que sinte por non estar aproveitando mellor ese tempo, aínda que sexa sen necesariamente ter que facer algo productivo; quero dicir que merecería a pena só por poder ter máis a miúdo na retina as brancas e fermosísimas mañás que a xeada nos deixa, por poder disfrutar das cores, dos reflexos da luz, do silencio da natureza máis ruidosa que todavía a esas horas non acabou de espertar.

 Gracias a que as noites son tan frías porque, mesmo cando xa saíu o sol e cun ceo case radiante, aínda entón podo atopar algún tesouro fugaz.


 Quizais algún día venza á modorra mañaneira e así poida sacar moitas mellores fotos, ;)



 

domingo, 1 de decembro de 2013

Envasamos o mel.

 Hoxe por fin envasamos o noso mel. 

 Non obtivemos moito porque, como xa vos dixen, decidimos recollelo moi tarde, os enxames estaban ó completo dentro das colmeas e puxéronse moi rabudos. Ademais atopamos cría nos cadros así que entre iso e a présa que nos entrou por rematar canto antes o resultado non foi o esperado. Pero menos dá unha pedra.


 E agora a repartir. Slurp!!!

martes, 26 de novembro de 2013

Cañamóns.

  A semente do cáñamo é o cañamón.
 Considerado un froito seco, é practicamente descoñecido para a maioría da xente (agás polos que crían paxaros). E tantas bondades son as que ten que realmente non se entende que non se favoreza o seu consumo, quizais se explique por esa mala asociación cos "primos" psicoactivos e tamén pola falta de cultivadores locais que nos poidan ofrecer ese froito a un prezo competitivo co producto que vén de fóra. Adxunto aquí un enlace interesante no que se describen todas as súas propiedades.


 Ademais de comelo como froito seco (simplemente só ou en ensaladas), pódese tostar para acompañar múltiples receitas, para facer horchata (un tipo máis de leite vexetal) e mesmo fariñas para pan, por exemplo, e sen gluten!


 Estas fotos que vedes na entrada son dos nosos propios cañamóns (tan bonitiños...), listos para consumir! 

domingo, 24 de novembro de 2013

Reutilizamos unhas bombillas.

 Unha reutilización que sempre me namorou foi a de facer pequeniños xarróns para pequenas flores con bombillas, desas bombillas que están a desparecer de cristal transparente.
 En multitude de páxinas podedes atopar ideas moi suxerentes e delicadas. Por iso non me vou parar en explicacións. Aquí vos ensino como o fixen eu.


Alicate, navalla suíza (utilísima!)...


Mini taladro e cable metálico fino...


Et voilá!


Probablemente cun par de flores quedará moito máis mono, ;)

E, para rematar, reutilicei unha caixa de ovos como envase que nin pintado para esta sorpresa.


sábado, 23 de novembro de 2013

Recollendo a palla do cáñamo.

 A pasada fin de semana o meu compañeiro apañou a última palla de cáñamo que quedaba na finca.


 Noutra entrada xa vos falei dos usos da fibra (textiles, cordas, bioplásticos...), que recubre o tallo leñoso da pranta. Este pode aproveitarse para bioconstrucción, camas de animais, celulosa, bioetanol... procesando a cañamiza, unha especie de serrín formado polas astillas da madeira que se obteñen do propio tallo, unha madeira moi lixeira.
 De momento estámoslle dando saída a través dun colega que con ela vai facer morteiro con cal para recubrir un galpón construido con bloque de formigón, ou sexa, vai ser usada en bioconstrucción.

 E mentras eu supervisaba a operación (pffff...) adiqueime a retratar animais....


Estramonio...


Sombras...


E unha lepiota que nos servíu o campo para a comida dese día.














sábado, 16 de novembro de 2013

Máis vale MEL tarde que nunca!

 Non tivemos ocasión ata esta semana de apañar o noso mel. Suponse que a recolleita debe ser en setembro, aproveitando os últimos calores do verán, así que a nosa foi máis que a destempo.
 O meu compañeiro foi quen pasou o traballo máis difícil, eu limiteime a dar fume ás colmeas, ás abellas e a meu arredor xirando sobre min mesma co afumador para así crear unha especie de nube que me cubrira o máximo posible. Bufff, menudos zumbidos... entre o frío que fai xa e o saqueo que lles queríamos facer puxéronse un pouquiño de mal humor. Nada ó parecer fóra do normal pero como era a miña primeira vez pois a perspectiva era ben diferente. E iso que o abelleiro sufríu dúas picaduras pero xa comeza a estar máis que inmunizado así que non foi grave.

 Ó chegar a casa comezamos o desoperculado, quitando a capiña que sela os míticos hexágonos nos que se almacena o mel. Esa capa denomínase opérculo e é cera "crema", como di o meu compañeiro referíndose á calidade da mesma. A continuación introducimos os cadros nunha centrifugadora manual que facemos funcionar a toda pastilla para que o mel saia lanzado contra as paredes do recipiente, vai cubrindo o fondo deste e finalmente abrimos para recollelo.


 Agora temos uns cantos litros de mel, non moita cousa porque non puidemos traer moitos máis que 10 cadros, aproximadamente, pero alomenos poderemos repartir entre colegas mel das nosas abellas.

mércores, 2 de outubro de 2013

Outra oruga.

 Vivir no medio da natureza permite descubrir de vez en cando algunha marabilla coma esta oruga que atopei nunha ramiña dun vimbio, medio escondida e quizais descansando ou decidindo se devorar ou non as poucas follas que aínda van quedando. Era enorme e cun diseño tan bonito nas súas formas e cores... o máis gracioso as mini protuberancias esas que parecen máis muñóns que patas, jeje! (desculpe, señora oruga, o chiste)


 Non sei que tipo de gusano é, se se convertirá en volvoreta ou non... pero só observala mereceu a pena.

domingo, 29 de setembro de 2013

Secando o cáñamo.

 Seguimos experimentando co cáñamo. 
 Agora e trala recollida, que foi completamente artesanal (a man, vaia), estamos secando todo o que podemos para conseguir que se conserve a pranta o maior tempo posible e despois poder tamén sacar as sementes con máis facilidade. Así, por toda a nosa casa pasaron cogollos cargadiños de semente (e aroma...) buscando lugares onde o proceso de secado fora o mellor posible: nas cortes, na habitación de invitados, extendidos sobre o tendedeiro que colga do tellado do salón... e tamén na "paneira", ese alpendre pequeniño do que xa vos falei algunha vez. Como aínda non amañamos nada (bueno, só o tellado, importantísimo porque nos chovía dentro) o meu compañeiro montou aí outro procedemento diferente a tódolos que probamos ata agora. E así pinta.


 Está resultando unha experiencia interesantísima coa que estamos aprendendo moito e da que esperamos conseguir bos froitos, en tódolos sentidos. Seguireivos contando.



domingo, 22 de setembro de 2013

Unha única berenxena...

 Este ano a horta foi un desastre. Non fixen case reseñas da evolución porque realmente non había nada que destacar. A día de hoxe aínda temos tomates que esperamos que comecen a madurar un pouquiño para poder recollelos canto antes pero, quitando este froito, o resto practicamente pódese dar por rematado.

 Non sei se foi un mal ano en xeral ou nós fomos uns malos hortícolas, o caso é que a horta deste ano foi un fiasco en xeral. Mesmo os cabaciños, que sempre son tan xenerosos, este ano resultaron tan pobres... As razóns? A saber... Creo que regamos exactamente igual que os anteriores (non demasiado, debo aclarar, pero outros anos resultou ben), ou ó mellor o solo non estaba idealmente fertilizado, ou nos equivocamos na planificación e distribución das prantas como puido ser o caso das 5 prantas de berenxena das que a día de hoxe só obtivemos esto que vedes, sí sí, a única berenxena á que había que retratar por valente exemplar.


 En xeral a nosa inversión de tempo e cartos (esta última pequena pero inversión ó fin e ó cabo) non nos rentou nin o máis mínimo. Bueno, corrixo, sí houbo algo que nos rentou e foron as novas aprendizaxes que adquirimos dado que se nos presentaron situacións novas, tamén nós probamos métodos novos e de todo iso sacaremos conclusións para hortas futuras.

venres, 20 de setembro de 2013

Érase unha vez...

"Érase unha vez... un monte nada remoto onde habitaban diferentes manadas de lobos. Cada unha delas tiña as súas particularidades, unhas eran máis numerosas que outras, unhas vivían en covas máis grandes que outras... pero todas soían convivir respetando cada unha o territorio particular dos demais e, cómo non, o que era compartido por todos. 
Cada unha tiña ademais o seu propio xeito de vivir, acorde co carácter predominante en cada grupo, pero a maioría eran tranquilas, respetuosas co resto e colaboradoras entre sí. Así, cando o inverno ía chegando, facían labores conxuntas para aprovisionarse de alimento ou acubillo e, durante os traballos, sempre había momentos para o xogo. Isto facía moi agradable a convivencia.

Tamén ocorría que, como en toda comunidade, aparecía algún lobo un pouco máis rabudo que o resto. Ás veces estes exemplares se extralimitaban poñendo en perigo o equilibrio e a paz do lugar. Coñecíanse individuos que chegaran a roubar algunha fonte de alimento ás manadas veciñas ou mesmo a marcar territorio máis alá do que a eles lles correspondía por dereito nun claro xesto desafiante. Estas actitudes non propias de lobos de lei sempre tiñan unha razón de ser: ignorancia, envexa, inseguridades, pura maldade... podía ser calquera e mesmo ás veces varias á vez, o que sí tiñan en común é que ningunha estaba apoiada por argumentos que obedeceran ó sentido común e á moral máis básica e que todas tinguían de negro a alma dos que así se comportaban.

Un día calquera unha pequena manada trataba de alcanzar un coello que corría polo monte cando de súpeto se lles apareceu no camiño outra que interrumpíu bruscamente a súa carreira. En canto se miraron, os primeiros adiviñaron que alí estaba a piques de acontecer algo terrible, as facianas dos asaltantes revelaban nulas intencións de axudar nese día de caza, querían todo para eles e íano conseguir polo método precisamente menos razonable: as miradas volvéronse impenetrables e as palabras deixaron de ser palabras para se convertir en encolerizados ruxidos que calaban aínda máis o silencio dos asaltados. E non só o líder da manada se comportaba así senón tamén o resto, todos se retroalimentaban desa carraxe e esa furia e participaban da inxustiza ata que, ante os atónitos ollos dos primeiros lobos e como por obra de encantamento, os segundos deixaron de ser lobos para se convertir en monstros. Os alaridos alertaron a outras manadas veciñas que viñeron de seguido a ver qué pasaba e cando chegaron quedaron paralizados, detidos en seco, bloqueados ante aquela miseria animal. Para qué enfrentarse a eles? Para qué arriscarse ó mesmo nivel de monstruosidade? Entrementres, o coello xa estaba moi lonxe.

A partir de aquel día todos os habitantes do monte descubriron a quen tiñan por veciños, algo difícil de asumir pero había que tratar de seguir para diante. Con tal fin decidiron probar cun exercicio que escoitaran facer a outros habitantes doutros montes, a total invisibilidade dos malvados: ningún lobo os vería, ningún lobo os escoitaría. Pouco a pouco os lobos malvados víronse tan sós e anulados que nunca máis houbo que preocuparse de que se volvesen convertir en monstros."

 Isto só é un conto. Non é real. O jodido (perdón...) é cando a realidade non dista moito da ficción. Cando pensas que as cousas non se poden poñer peor, entón ocorre algo que fai que o anterior quede en nada.

 Nós nunca seremos monstros, iso téñoo tan claro... 

El Roto
Pero tampouco, nunca xamais, vou consentir que a miña micro-familia volva ser maltratada por ninguén, sexa da maneira que sexa. 

 Cando reflexiono nestes enfrontamentos que aquí padecemos penso en cómo se chegou aí, penso se é verdade que estamos no século XXI, penso se acaso isto será unha broma pesada e alguén nos meteu nunha máquina do tempo e nos fixo aparecer neste lugar para convivir con xente con mentalidade do XIX. 

El Roto
 Hai xente que non foi polo mundo e deberían ser obrigados a que o mundo pasara por eles (e algún que foi un pouquiño parece coma se nunca tivera estado alá...).
 En fin, confiemos na invisibilidade (e na xustiza, por suposto).

luns, 9 de setembro de 2013

Viaxes terapéuticos, obrigatorios!

 Fai días que estou desaparecida. Uns días de desconecte total marchando de onde un soe estar sempre veñen moi ben. Mesmo creo que son tan terapéuticos que debería ser obrigatorio que a xente saíra un tempiño da súa casa para se refrescar, digamos...
 Sí, a volta á rutina está sendo chea de proxectos e outros acontecementos, uns moi positivos e agradables e outros non tanto... Pero non pasa nada, de todo se aprende e cos encontronazos máis chungos e feos moito máis. Sí, sí. Porque cando un sabe que fai as cousas ben (ou cando menos o intenta), cando un trata de convivir civilizadamente, dentro do respeto máis absoluto e da boa intención e obtés reaccións que se escapan por completo do sentido común e da realidade, pois entón é cando un debe afianzarse no seu pensamento e no que cre, é cando un se inmuniza un pouco máis e polo tanto un vólvese mellor. Pasado o shock inicial, miras para diante e es moito máis forte.

 Aiii... (suspiro), qué ben quedei! Para isto me sirve o blog, para liberarme. 
Bueno, e para outras moitas cousas. Por exemplo para denunciar o lume co que nos atopamos despois de estar fóra uns días. Aquí tocounos de cerca e iso non hai quen o pare, que é o peor. E por qué? Pois a ver se o averiguan dunha vez, a ver qué malditos intereses pode haber para facer arder os nosos montes verán tras verán. E non me quero referir só ás perdas económicas (que por suposto son moi graves) senón tamén á desolación de moitos e moitas vendo como o seu tesouro natural ou de vida quedaba reducido a cinzas. Iso non hai quen o poida resarcir. Ninguén.
 E que non me digan que foron pirómanos porque sería un fenómeno a estudar a cantidade de pirómanos concentrados só no noso territorio, ou é que en Asturias, País Vasco, Pirineos... non se dá ese tipo de dolencia?! Tamén escoitei que os paisanos deciden prender lume ó monte como medida contra o xabarín e quero pensar que non é máis que unha lenda rural porque, creo eu, que a solución para os graves danos do xabarín pasa evidentemente por outro lado, quizais primeiro por reflexionar por qué agora o xabarín (ou os corzos) se achegan tanto ás nosas casas e ó mellor a culpa está precisamente en nós e na situación do rural. E por qué non  unir tódolos labregos e labregas galegas para presionar ó noso goberno (en Galicia axudado enormemente polo voto do rural, todo hai que dicilo) para que os escoiten e boten unha man, non sei cómo pero ó mellor pedindo axudas para adquirir pastores eléctricos solares, eu qué sei! Pero, qué va, aquí cóstanos tanto iso de unirnos e non mirar máis que por un mesmo...
 O monte en Galicia non está valorado (nin protexido, en consecuencia) como debería de ser, nin por moitííííísima xente que viven nel nin polo propio goberno. Así de duro.

 E máis duro resulta cando vimos de disfrutar duns días no medio dos Pirineos oscenses. Buuuffffff, qué borracheira de natureza e qué envidia... sana envidida. O bo é que tan só ese recordo de todo o que vimos e vivimos (xa vos contarei porque con sorte dará lugar a un bonito proxecto) chega para rematar esta entrada con bo ánimo e un sorriso, :)

 Viaxes terapéuticos, obrigatorios!!!

xoves, 22 de agosto de 2013

Zapateiro rematado.

 Con outro palé e dúas pequenas táboas que nos sobraron dun traballo de bricolaxe anterior conseguimos un zapateiro cunha pequena repisa para a nosa pequena entrada de casa.

 De novo: lixadora, capa de tapaporos, clavado das dúas táboas con puntas e capa de barniz final. 


 Fe de errataso barniz do percheiro anterior era "roble oscuro", decateime cando ó empezar a barnizar este zapateiro a cor resultante era moito máis clariña (dun tono máis semellante ó do mel) e este sí que é cor "roble", a secas.
 Así quedou.


 A caixiña que colga da parede tamén foi unha reutilización, unha caixa de viño que se convertíu en caixa para gardar as chaves, por iso o de "Open your mind" (nós e as nosas mensaxes...).
 Total, entrada renovada e practicamente gasto cero!

luns, 19 de agosto de 2013

Reutilización: de palé a percheiro.

 Un palé buscaba novo uso. 

 O amaño consistíu en:
-lixado
-capa de tapaporos que mantén a cor da madeira
-capa de barniz, cor "roble"
-uns vellos e oxidados colgadores, renovados pintándoos de negro
-corchos de botella atornillados, como novos colgadores


 E pouco despois... tachán! Un percheiro novo para a nosa entrada!


 Agora estou co zapateiro, tamén feito cun palé e que amosei nunha das primeiras entradas. En breve sae do taller!

sábado, 17 de agosto de 2013

Declaración de Intencións.

 Fai xusto un ano pasamos un verán moi desagradable, un verán de reacomodación e reaxuste dos nosos esquemas mentais dados os acontecementos que sufrimos directamente. 
 As varias mentiras lanzadas sobre nós e expostas  diante de tódolos veciños (por parte de membros da comunidade que deberían ser respetables e respetuosos), xunto coa baixeza do comportamento dalgún outro ó que lle demos todo e chegado o momento decidíu correspondernos cunha puñalada que nos rachou dende a gorxa ata o embigo e que foi acompañada da necedade, o drama e as lamentacións propias da mellor telenovela (lección ben aprendida, Nunca Máis!), todo iso fixo que agora os nosos pasos sexan dados moito máis lentamente e con prudencia pero sen deixar de ser nós, seguimos aí para todo o que se precise pero prodigámonos menos por aí fóra. Supoño que pouco a pouco iremos atopando de novo o noso lugar aquí pero sen deixar nunca de ser nós mesmos, sen deixar de pensar como pensamos e sen calar cando consideremos que debemos opinar. Se isto fai que calquer indesexable nos ataque e intente facer dano, que se prepare porque nós xa non somos os dous daquel verán pasado. Gracias a eles somos máis fortes e mellores, jajaja!!! 

 Toma folletín! Sí, sí, parece unha declamación do estilo "a Dios pongo por testigo" pero, dramatización a parte, o fondo da reflexión é verdadeira, moi verdadeira. Así que aí estamos, botándolle humor á cousa que é do que se trata, ríndonos do máis absurdo e do máis triste ó mesmo tempo porque así é como hai que tirar coa vida, non? 
 Así que un día que estaba de "polgar verde" (día de xardinería, quero dicir) colgando unhas macetas directamente das pólas da nosa vella mazaira, pensei que estaría ben darlles un toque de cor a eses tiestos de plástico marróns tan feos e deslucidos. Comecei pintándoos de amarelo pero despois xurdíu a idea de romper a monotonía do amarelo e ocorréuseme escribir un texto, algo que a xente puidese ler (especialmente determinado tipo de xente...). A nosa Declaración de Intencións: WE LOVE PEACE.


xoves, 15 de agosto de 2013

Beneficios doutra "mala herba", o cincento.

 Fai tempo fixen un curso de horta ecolóxica onde empecei a escoitar falar das "malas herbas" e dos seus beneficios directos sobre a horta. 
 Unha que nos mencionaran fora o chamado cincento (Chenopodium album), unha herba moi común e aparentemente sen ningunha utilidade polo que tendemos a arrincala dende que aprendemos a distinguir os primeiros brotes. Pois resulta que é das que atraen ós pulgóns, evitando así que estes vaian a outras plantas e puiden comprobalo este ano: dous cincentos coláronse e avanzaron entre os meus tomates conseguindo xa superalos en altura pero resulta que nos brotes da cúspide da planta albergan unha colonia de pulgóns acompañados das formigas.

  
 Podería cortar esas cabezas do cincento cheas de pulgón pero realmente non me molestan, sobre todo de momento non molestan ós tomates así que para qué eliminalas? Así sigo aprendendo e experimentando coas herbas, cos bichos... porque parte dos beneficios de poñer unha horta é observar a natureza e estas interaccións tan interesantes que se producen. A conclusión de hoxe volve ser que ás veces non é tan importante esforzarse en ter a terra limpa de "malas herbas", en ocasións son as "malas herbas" as que nos axudan a ter sana a nosa horta.

 Déixovos co cincento no medio e medio dos meus tomates.



martes, 13 de agosto de 2013

Reutilización: de carcasa de ventilador a fruteiro.

 Dun ventilador vello saquei a carcasa dianteira para aproveitala coma un fruteiro, que quedou dun estilo moi retro. 
 A tapa circular exterior (co nome da marca do ventilador) que cubría o centro de dita carcasa desatornilleina para colocala na cara interior, desa maneira non só a nova bandexa asenta perfectamente senón que ademais disimula o furado central.


  Dun aparello inservible pódense obter novos usos e máis anos de vida para algo que, de non usarse, acabaría acumulado a saber onde. Estou moi contenta coa idea e co resultado.



venres, 9 de agosto de 2013

Produtos do cáñamo: a fibra.

 O noso cáñamo xa está moi medrado e empezamos a valorar tódolos produtos que imos obter das plantas e buscando destino para os mesmos.

 De entre todas as saídas que o cáñamo ofrece unha importantísima é a fibra, que se obtén de extraer a parte exterior que cubre o tallo leñoso. Non vou describir tódalas bondades da fibra do cáñamo porque son tantas que me levaría un bo pedazo e non me apetece agora (...). De momento probamos a facer fío con ela gracias a unha colega que domina as artes do fiado e ese fío poderíamos usalo, por exemplo, para tutorar as nosas plantas dun xeito ecolóxico, coa idea de empregar os materiais máis naturais posibles no noso entorno.

 A extracción da fibra é o difícil. O meu compañeiro fíxoo do xeito máis laborioso, máis ben como parte da aprendizaxe sobre a planta, mediante unha navalla. 


 Por suposto que tradicionalmente o método era diferente: deixar a mollo máis dun mes, sacar e deixalo secar para despois mallalo a paos e finalmente espadañar e pasar por un cepillo. Ó mellor nós facemos o proceso pero cun volume de plantas pequeno porque esperamos poder darlle saída senón á fibra sí ó tallo. Iremos vendo.



xoves, 8 de agosto de 2013

Flores de cabaciño en tempura (ou algo así...).

 As flores dos cabaciños que non levan o froito podemos arrancalas e comelas de diferentes maneiras. 


 Onte fixémolas dunha maneira moi sinxela pero moi moi resultona:

-lavamos as flores, arrancamos o pistilo do interior e o rabiño e deixámolas secar
-preparamos unha mestura con fariña, auga (media taza de cada unha) e unha clara de ovo levada ó punto de neve; pretende ser unha especie de tempura.
-engadimos a esta mezcla sal e pimenta e removemos ben
-cortamos unhas lonchas pequenas de queixo e introducímolas nas flores e pechámolas igual que estaban antes de abrilas (como o envoltorio dun caramelo); nós usamos un queixo da zona (Arzúa-Ulloa, riquííííísimos queixos) que nin é fresco nin semicurado, pero moi cremoso.
-pasamos as flores pola mestura e rapidamente á sartén
-sacar da sartén poñéndoas sobre un papel de cociña para escurrir o aceite.


 O sabor é moi interesante (bastante mellor que a miña presentación...), unha "delicatessen" que nos podemos permitir de vez en cando, jeje.

mércores, 7 de agosto de 2013

Renovando cadeiras.

 Estes días pasados estiven creativa, facía moito que non explotaba esta faceta miña. Amoseivos algunha cousa e hoxe vou con outras dúas, un par de cadeiras.

 A primeira estaba entre as cousas da casa cando chegamos e parecíame fermosísima pero a pobre levaba agardando demasiado por un pouco de atención, abandoada á súa sorte no noso almacén "caixón desastre". 


O proceso foi practicamente igual que os anteriores:
-capa de matacarcoma e agardar 24 horas
-lixado 
-pintura laranxa e posterior lixado para semellar máis vella
-capa de barniz

Creo que non é moi resistente pero ten moito encanto aínda que só sexa para pousar unha pranta enriba, jeje.


 E por último renovei unha cadeira dun xogo de seis iguais que no seu momento conseguimos regaladas. A idea é pouco a pouco renovalas todas pero de momento só amañei esta xa que o proceso de lixado coa máquina resulta máis difícil do que parece, o barniz é moi potente e duro de quitar (e ademais abúrreme facer seis veces o mesmo traballo...).


Que vos parecen?

martes, 6 de agosto de 2013

Plagas na horta.

 Ultimamente tiven a horta un pouco desatendida, practicamente limitámonos a regala e ver cómo van crecendo cabaciños, xudías, tomates... Non a observei co mimo e coidado que lle adiquei no primeiro mes, preocupada por que as babosas non nos devoraran as prantas... Levaba uns días observando que os repolos e as coliflores  tiñan furados pero bah, non lle din importancia, total, uns furadiños de nada non son para tanto, non? 
 Xa, xa... o caso foi que a semana pasada xa descubrín que os furados estaban protagonizados por uns gusanos verdes que se adicaran a incubar centos de ovos verdes no interior das miñas prantas! E agobieime un pouco ó pensar que se todos eses ovos eclosionaban á vez podía ocorrer unha traxedia no resto da horta. Entón optei por arrincar as prantas que estaban máis perxudicadas e o resto empapeinas cunha mestura de auga con sal porque en teoría mata ou afasta a estes devoradores reptantes. Parece que funcionou pero témome que o dano xa é demasiado grave.


  Nós tratamos de non empregar ningún produto agresivo e non ecolóxico na horta, intentamos rexirnos por principios de equilibrio entre especies e nesa onda temos ben aprendida a idea de que certas prantas benefician a outras ben repelendo ou atraendo bichiños que son beneficiosos. Hai herbas (moi mal chamadas "malas herbas") que ás veces nos esforzamos en arrincar ou eliminar cando non só poden ser fonte de alimento para nós, senón tamén ferramentas disuasorias de plagas, ben porque repelen ós insectos ou ben porque os atraen evitando así que colonicen as nosas hortalizas. Este último caso é o que descubrín o outro día. Cóntovos.

 A nosa horta está chea de formigas e estas soen utilizar ó pulgón negro coma o seu rebaño, ben cerquiña para se beneficiar dunha especie de secreción doce que estes producen (ou algo así...). O caso é que o ano pasado apareceu ese pulgón por varias prantas, sen ocasionar grandes danos porque o ía eu limpando. Este ano descubrín unha "mala herba" que se atopa ben pegada ás fabas, xudías e cabaciños que está cheíña do pulgón evitando así que se extendera ás prantas veciñas, así que todos conviven en harmonía. Nas fotos podedes observar o pulgón e mais a pranta en primeiro plano a carón das fabas e repolos.


 Creo que se chama Herba Mora (solanum nigrum) e polo que puiden ler ten tamén propiedades medicinais e visto o visto creo que é interesante deixar algunha pola nosa horta despois de ver o moito que lle gustou ás formigas e ó pulgón. Aquí vos deixo algún detalle doutro exemplar limpo e ó mellor alguén pode confirmarnos que efectivamente é esa especie.


 E para rematar, xa que falamos das "malas herbas", recoméndovos que escoitedes e leades a Josep Pamiés (o payés da stevia, lle chaman), un agricultor que se ten convertido en todo un referente na defensa das "malas herbas". Hai vídeos del interesantísimos en youtube cos que se pode aprender moitísimo acerca destas plantas, fonte de alimento e saúde.

luns, 29 de xullo de 2013

Renovación dunha vella mesa de televisor.

 Estes días de xullo estiven adicando grande parte do meu tempo a restaurar e renovar algúns mobles que tiña aparcados dende facía moito. Pouco a pouco ireivos ensinando algúns resultados, dalgúns estou bastante orgullosa e doutros non tanto, non sempre as cousas saen como unha as imaxina e sobre todo como unha é moi dada á improvisación (ou como dicimos aquí, ó método "á vaiche boa", jeje).

 Hoxe vou amosarvos como renovei unha mesa de televisor vella, a que meus pais fai moitos anos utilizaron para colocar a súa primeira televisión en cor e o primeiro vídeo VHS que chegou á nosa casa, un xigante que tiña un mando a distancia que era coma un ladrillo!
 Esta é a mesa antes e despois de pasar polas miñas mans.


 O proceso tamén moi sinxelo:

-capa de imprimación para que se adhira ben a pintura
-capa de pintura "vermellón chic" para toda a mesa e negro para a parte baixa das patas.
-debuxo a lapis e posterior pintado (buuufff, unha cantidade de horas para sentir que por fin quedaba ben...)
-capa de barniz satinado

 Agora non sei moi ben qué facer con ela porque en realidade non preciso unha mesa así, xa estou servida de mesas, de feito estou pensando en vendela por internet, quen sabe, ó mellor a alguén lle gusta e se interesa. O que sí creo é que ninguén me vai pagar tódalas horas que estiven enriba dela pincel en man... supoño que é o que ten ser unha aficionada. 


xoves, 25 de xullo de 2013

Compartindo coa natureza.

 Estes días están sendo de bastante actividade, de todo un pouco pero sobre todo adicándome a restaurar e renovar algún mobiliario (que xa vos ensinarei). Entre tanto, compartimos o noso espazo coa natureza que temos arredor de casa, vexetal e animal, cómo non.

 Na finca temos unha cerdeira que este ano nos ofreceu moitííííísimas cereixas. A mágoa é que é unha árbore moi vella e alta á que non resulta doado acceder polo que moitas dos seus sabrosísimos froitos quedarán nela. Apañamos uns catro kilos aproximadamente e foi moi divertido compartir a árbore, xa que un veciño decidíu axudarnos (sobre todo a comelas, jijiji...) e disfrutar das pólas.



 Ás veces tamén compartimos o espazo con espontáneos curiosos como esta especie de oruga? que apareceu nunha prantiña e se aventurou pola mesa onde soemos comer. Agora descoñecemos onde se atopa e no que queira que se convertise pero eu fantaseo con que será unha miúda e fermosísima volvoreta, jeje.


 Ah, e esquecía contarvos que a semana pasada tivemos a sorpresa incrible de dous enxames que decidiron mudarse á nosa casa. Sí, sí, como a primeira vez fai catro veráns! Pero esta vez vímolos chegar, centos de abellas en vivo e en directo! Un enxame entrou dentro do faiado e ó segundo, por sorte, deulle por ir para unha colmea que situamos no corral prevendo que aquelo volvera a pasar. Foi tan espectacular a súa chegada que non souben reaccionar e non fixen máis que vídeos dos dous aterrizaxes, non teño fotos!!! e foi tan sumamente impresionante que lamento tanto non poder compartilo...

 E por suposto tamén compartimos o día a día co resto da nosa familia, aumentada recentemente como vos contei, e nese día a día todos vivimos experiencias novas. Tana, por exemplo, xa se aventura ó exterior.


Infinita tristeza.

 Fai días que non fago unha entrada. A de hoxe desexaría non ter que facela.



 En solidariedade con tódalas víctimas deste terrible accidente.

luns, 15 de xullo de 2013

Restauración dun cesto de madeira.

 Fai moito tempo a carón dun colector de lixo atopou o meu compañeiro un cesto de madeira que contiña unha "damajuana", así é como el chama a eses grandes garrafóns de cristal verde que se empregaban para gardar augardente. Despois de sacar a "damajuana" (que bonitas son esas grandes botellas, tamén ela está agardando para ser reutilizada algún día) gardamos o cesto que a contiña para restauralo e darlle algún uso. Así era.


 Coa compañía das abellas estiven traballando nel e o proceso, moi sinxelo, foi o seguinte:

-1 capa de tratamento anticarcoma
-1 capa de tapaporos (a madeira non é moi boa e está sen tratar)
-pintura vermella para os aros, a xogo co da base (que é de plástico, por certo)
-1 capa de barniz satinado como remate

 E así é como finalmente quedou.


 Ó mellor a cor vermella é demasiado forte... dende logo está bastante mellor que ó principio, non? E o seu uso definitivo vai ser gardar na cociña o vidro que irá para o colector de reciclaxe así que cumplirá perfectamente a súa función, ;)