luns, 29 de xullo de 2013

Renovación dunha vella mesa de televisor.

 Estes días de xullo estiven adicando grande parte do meu tempo a restaurar e renovar algúns mobles que tiña aparcados dende facía moito. Pouco a pouco ireivos ensinando algúns resultados, dalgúns estou bastante orgullosa e doutros non tanto, non sempre as cousas saen como unha as imaxina e sobre todo como unha é moi dada á improvisación (ou como dicimos aquí, ó método "á vaiche boa", jeje).

 Hoxe vou amosarvos como renovei unha mesa de televisor vella, a que meus pais fai moitos anos utilizaron para colocar a súa primeira televisión en cor e o primeiro vídeo VHS que chegou á nosa casa, un xigante que tiña un mando a distancia que era coma un ladrillo!
 Esta é a mesa antes e despois de pasar polas miñas mans.


 O proceso tamén moi sinxelo:

-capa de imprimación para que se adhira ben a pintura
-capa de pintura "vermellón chic" para toda a mesa e negro para a parte baixa das patas.
-debuxo a lapis e posterior pintado (buuufff, unha cantidade de horas para sentir que por fin quedaba ben...)
-capa de barniz satinado

 Agora non sei moi ben qué facer con ela porque en realidade non preciso unha mesa así, xa estou servida de mesas, de feito estou pensando en vendela por internet, quen sabe, ó mellor a alguén lle gusta e se interesa. O que sí creo é que ninguén me vai pagar tódalas horas que estiven enriba dela pincel en man... supoño que é o que ten ser unha aficionada. 


xoves, 25 de xullo de 2013

Compartindo coa natureza.

 Estes días están sendo de bastante actividade, de todo un pouco pero sobre todo adicándome a restaurar e renovar algún mobiliario (que xa vos ensinarei). Entre tanto, compartimos o noso espazo coa natureza que temos arredor de casa, vexetal e animal, cómo non.

 Na finca temos unha cerdeira que este ano nos ofreceu moitííííísimas cereixas. A mágoa é que é unha árbore moi vella e alta á que non resulta doado acceder polo que moitas dos seus sabrosísimos froitos quedarán nela. Apañamos uns catro kilos aproximadamente e foi moi divertido compartir a árbore, xa que un veciño decidíu axudarnos (sobre todo a comelas, jijiji...) e disfrutar das pólas.



 Ás veces tamén compartimos o espazo con espontáneos curiosos como esta especie de oruga? que apareceu nunha prantiña e se aventurou pola mesa onde soemos comer. Agora descoñecemos onde se atopa e no que queira que se convertise pero eu fantaseo con que será unha miúda e fermosísima volvoreta, jeje.


 Ah, e esquecía contarvos que a semana pasada tivemos a sorpresa incrible de dous enxames que decidiron mudarse á nosa casa. Sí, sí, como a primeira vez fai catro veráns! Pero esta vez vímolos chegar, centos de abellas en vivo e en directo! Un enxame entrou dentro do faiado e ó segundo, por sorte, deulle por ir para unha colmea que situamos no corral prevendo que aquelo volvera a pasar. Foi tan espectacular a súa chegada que non souben reaccionar e non fixen máis que vídeos dos dous aterrizaxes, non teño fotos!!! e foi tan sumamente impresionante que lamento tanto non poder compartilo...

 E por suposto tamén compartimos o día a día co resto da nosa familia, aumentada recentemente como vos contei, e nese día a día todos vivimos experiencias novas. Tana, por exemplo, xa se aventura ó exterior.


Infinita tristeza.

 Fai días que non fago unha entrada. A de hoxe desexaría non ter que facela.



 En solidariedade con tódalas víctimas deste terrible accidente.

luns, 15 de xullo de 2013

Restauración dun cesto de madeira.

 Fai moito tempo a carón dun colector de lixo atopou o meu compañeiro un cesto de madeira que contiña unha "damajuana", así é como el chama a eses grandes garrafóns de cristal verde que se empregaban para gardar augardente. Despois de sacar a "damajuana" (que bonitas son esas grandes botellas, tamén ela está agardando para ser reutilizada algún día) gardamos o cesto que a contiña para restauralo e darlle algún uso. Así era.


 Coa compañía das abellas estiven traballando nel e o proceso, moi sinxelo, foi o seguinte:

-1 capa de tratamento anticarcoma
-1 capa de tapaporos (a madeira non é moi boa e está sen tratar)
-pintura vermella para os aros, a xogo co da base (que é de plástico, por certo)
-1 capa de barniz satinado como remate

 E así é como finalmente quedou.


 Ó mellor a cor vermella é demasiado forte... dende logo está bastante mellor que ó principio, non? E o seu uso definitivo vai ser gardar na cociña o vidro que irá para o colector de reciclaxe así que cumplirá perfectamente a súa función, ;)

domingo, 14 de xullo de 2013

Abellas, de novo.

 Cando iniciei este blog conteivos cómo foi a nosa chegada a esta casa, compartida coa compañía das abellas que tiñan o noso faiado polo seu "resort" de alto standing... O caso é que esta situación deu nuns poucos disgustos (tanto para nós como para elas, todo hai que dicilo) pero superámolo ó seguir aquel famoso consello que di "Se non podes co teu inimigo, únete a el". Así foi como naceu a nosa historia de amizade e paixón polas abellas.

 Onte parecía que unhas cantas abelliñas querían entrar en casa e pensamos que ó mellor había un enxame buscando lugar onde asentarse e como a nosa casa ten unhas referencias inmellorables... pois é bastante fácil que se acheguen ata aquí a probar sorte. Por se acaso puxémoslles unha colmea no corral, xusto pegadiña á parede da fachada principal, a ver se conseguíamos convencelas para que se quedaran aí e non noutro lugar menos apropiado. 


 Como se pode ver na foto superior, ó principio só eran unhas pouquiñas as que viñan atraídas polo doce olor da mel que o meu compañeiro empregou como cebo pero ó longo da mañá e da tarde xa viñeron moitas máis que sobrevoaban a colmea e pouco a pouco decidían pousarse e relamerse.
  

 Durante a mañá e toda a tarde estiven traballando alí a carón delas e mesmo comemos na mesiña que temos nese rincón disposta a uns 5 metros de distancia e onde levamos comendo tódolos días dende que luce este sol radiante. Como ben apuntou o meu compañeiro, quen nos ía dicir a nós fai uns catro anos que estaríamos comendo tan tranquilamente tendo tan cerca semellante montón de abellas!!! Probablemente costaríame crelo pero aí estivemos, compartindo espazo pacifica e cordialmente: a nosa deliciosa comida non lles interesaba en absoluto, en realidade nada de nós lles interesa en absoluto. Só hai que estar tranquilos e non alterarse co seu ritmo zumbón.

 Hoxe aínda seguían aí así que parece que se unirá un enxame máis ó noso gando voador, oxalá! Agora a disfrutar de todo o que nos ofrecen, tanto tanto tanto...

sábado, 13 de xullo de 2013

Canalón de crasas, evolución.

 Lembrades aquel canalón con crasas que fai moooooito tempo vos ensinei aquí? Pois hoxe vou amosarvos cómo evolucionou ata agora.



 Como podedes comprobar, non só creceron en tamaño e en número cada unha dos dous tipos de crasas que eu plantara senón que tamén se uníu espontaneamente algunha que outra especie máis delicada como esa con frores miúdas branquiñas que aparece nunha das seguintes fotos. É un exemplar que abunda moitísimo por aquí, agora está en plena floración e podemos atopalo nos muros de pedra ou nos tellados de lousa vella, especialmente fermoso.


  Como dixen naqueloutra entrada, pouco a pouco as prantas van cubrindo o antiestético canalón...


 Que vos parece o resultado?

martes, 9 de xullo de 2013

Os dous nenos da aldea.

 Vivir aquí sempre digo que é marabilloso, por suposto que ten un contrapunto moi grande e que xeralmente é protagonizado polas malas maneiras de facer as cousas duns poucos e como as vivencias son moi directas e cercanas pois hai que ir levándoo como un pode. Pero de momento sempre o positivo gaña ó negativo así que seguimos encantados, disfrutando deste verán.
 Unha das diferentes razóns que me facían desexar vivir nunha aldea era poder criar ós meus nenos neste ambiente, en contacto coa natureza, os animais, manchándose coa terra e revolcándose pola herba. Nós non temos nenos. Decisión difícil. No more comments. 

 Na nosa aldea tan só hai dous nenos, dous irmáns, ela de dez anos e el de seis. 
 Fai moitos anos, cando estas casas estaban habitadas por familias de ó mellor máis de dez membros de seguro tiña que ser divertidísimo ser un neno aquí, é verdade que tamén moi difícil porque a maioría da xente das aldeas galegas eran familias humildísimas e que pasaron moitas penurias debido ós moitos abusos ós que foron sometidas durante séculos. Pero á marxe dese pasado, crecer neste mundo creo que che fai ser doutra pasta, tan só con vivir o ritmo slow que isto inspira xa iso creo que marca o desenrolo dunha persoa.

 Pero agora non hai nenos. No noso barrio pode haber unhas 10 casas, aproximadamente, e só dous rapaces; no resto da parroquia hai unhas 20 casas máis e a situación é igual de triste. Fai uns días apareceron, como se dunha miragre se tratara, dous nenos máis (creo que familiares de emigrantes ou algo así) pero a situación de super-poboación infantil xa se volveu reducir de novo. Como as anduriñas, marcharon. Ese día os nosos nenos lucían caras moi serias. 
 Estes días veñen nalgún momento ata a nosa casa (e ás doutros) buscando compañía e con tal de estar con nós ofrécense a axudarnos no que haxa que facer, así onte pola tarde estivemos entre todos debullando uns chícharos e de paso ríndonos coas ocorrencias dos cativos. Un exemplo: eu teño un piercing no nariz, unha rasta bastante longa e un par de pequenas tatuaxes, pois o máis pequeno, despois da observación, comentou: "O aro do nariz, o da orella, as gafas... ti estás toda chea de cousas!"
 En fin, cousas de nenos que fan que mereza moito a pena estar con eles, "esos locos bajitos".

 Eu creo que os nenos nunha aldea son dalgunha maneira educados por toda a comunidade. Todo o mundo contribúe na vida deles, para ben ou para mal; e contribuír positivamente non custa moito, só compartir un pouco do teu tempo e cando os nenos están tan sós coma os dous de aquí... parece imposible negarse a pasar un rato con eles. 
 Onte quedáramos con eles para levalos ó río. A cita era para as cinco e media. Cando hoxe baixabamos o camiño ata a súa casa, alí estaban eles máis que puntuais agardando por nós. 


domingo, 7 de xullo de 2013

Fresas nun canalón.

 Fai tempo que quería plantar fresas e esta primavera adquirimos fresas e fresóns. Algunhas puxémolas nun par de macetas pero a maioría plantámolas nun fragmento dun canalón que tiñamos por aí gardado. 


 Reutilizar canalóns é unha idea que dá moito xogo e xa fai tempo que vos ensinara unha entrada no que empregáramos outro para plantar crasas, que por certo está preciosísimo así que un día destes ensinareivos a evolución.

 Xa estamos comendo algunha, supoño que este ano non serán tan productivas como o próximo, tampouco sei se a terra lles será suficiente para as súas raíces... pero de momento teñen moi boa pinta e ademais sempre estou a tempo de facer modificacións, non? Ó fin e ó cabo trátase de experimentar e de disfrutar descubrindo.

venres, 5 de xullo de 2013

Sementar, sementarei... 3ª parte.

 O noso cáñamo medra sen parar. Qué pranta, señor, qué pranta!
 Teño que dicir que non está todo o ben que podería estar, as nosas están un pouco alicaídas por falta de auga (creemos...) e ademais hai calvas nos regos, unhas tiran mellor ca outras... As razóns son varias: a leira onde o botamos facía moitísimo que non se traballaba, non estaba abonada e por riba é de terra bastante seca. Pero qué máis daba, o meu compañeiro quería experimentar e o experimento vai super ben, estamos moi contentos co resultado. 


 O mellor de todo é que hoxe coñecimos cómo van as prantiñas doutro colega, que plantou moito máis ca nós e que o fixo en terras xa ben traballadas. Impresionante e ademais sen regalas nada de nada!!! 

 En fin, the Cañamo´s Revolution is coming!!!

Novo membro da familia.

 Nesta casa agora temos dous gatos. Do primeiro, Miki, nunca vos falei e a verdade é que se merece un capítulo para el só, algún día chegará. Seguro que non estaría moi contento de saber que a primeira entrada sobre gatos no meu blog a protagoniza a nosa nova gatiña, Tana, un cachorriño con grandes bigotes polo que parece que corre sangue da gran estirpe de Siam (vamos, que ten pinta de siamesa).
 Mirade qué cousa máis bonitiña...


  A razón de adoptar unha gata foi a de dotar á nosa casa dunha boa cazadora de ratos dado que Miki cazador, o que se di cazador, non é demasiado. Esperamos que entre os dous poidan manter á poboación roedora un pouco controlada ou polo menos afastada das nosas dependencias. O caso é que a Tana tamén a castraremos (xa sabedes o que penso sobre ter camadas e camadas sen control das que despois hai que desfacerse de maneira cruel) e non sei ata que punto iso será mermar o seu instinto cazador; eu sempre tiven gatos (machos) castrados e seguían traéndome pequenas recompensas a casa como ratiños, lagartixas... Penso que a caza é tamén un xogo para eles e castralos creo que non lles anula esas ganas de diversión, máis vale! 

 Facía moito que non disfrutaba dun cachorro e os de gato son especialmente divertidos: se vírades a Auryn xogando con esta bola de pelo morredes da risa, sobre todo cando a enana se abalanza nun chimpo contra a outra e acaban pelexando como se dunha loita a morte se tratara, jajaja... cando vai descubrindo novos rincóns da casa e tamén cando se descubre a sí mesma ó lanzarse nunha nova aventura, que ás veces sae ben e ás veces sae mal. 
 Para min é xenial compartir a miña vida e o meu espazo con animais,  axúdanme a pousarme na terra.


xoves, 4 de xullo de 2013

Xabón de lavadora caseiro.

 Fai tempo que quería facer xabón para a lavadora a partir do xabón que nós facemos reciclando aceite usado. Estamos moi contentos co resultado das pastillas que utilizamos para lavar a louza así que por qué non facer un xabón para a lavadora?

 O proceso foi moi sinxelo e para ser a primeira vez, e polo tanto un experimento, saíu bastante ben, creo. Aí van, dous litrazos de xabón de lavadora, yuhuuu!


  Os pasos foron os seguintes:
  -primeiro raiamos aproximadamente uns 200 gr. do noso xabón
 -poñemos a quentar uns 2 litros de auga e xusto antes de que comece a ferver botamos o xabón raiado
 -a continuación imos removendo para que se dilúan todas as virutas
 -unha vez diluídas, botamos un chorro de suavizante (polo do aroma) e batimos con batidora (...redundancia) ata que se nos creou unha textura branca
 -deixámolo repousar e envasamos


 Aviso de que as medidas foron a ollo, probando sorte, e finalmente gustounos moito a textura xelatinosa que resultou. Se tivera quedado moi líquido sempre poderíamos ter raiado máis xabón e de quedar demasiado denso tamén poderíamos rebaixalo de novo cunha pouca auga quente, ir batendo... e así ata dar coa densidade do noso gusto. 
 E xa puxemos dúas lavadoras con el e seguimos encantados. Acabouse mercar deterxente nesta casa, yuhuuu!