xoves, 30 de maio de 2013

Remedios contra as babosas.

 Xa vistes na entrada anterior que sufrimos o ataque destes bichos reptantes. Pois decidín poñer remedio canto antes e empreguei un método do ano pasado (as "piscinas" de cervexa) e outro novo, madeiras tamén regadas cun chorriño de cervexa para atraelas.

 A primeira mañá despois de inaugurar estas barreiras puidemos comprobar o éxito das mesmas: en dúas das "piscinas" apareceron víctimas e en concreto unha era especialmente gorda, esa seguro que foi a que papou gran parte das prantas e de non ser porque sucumbíu ós efluvios do alcohol (rebaixado pola auga que caeu esa noite) probablemente tería atacado ás miñas xudías e repoliños, ía directa!


  Como vedes este método implica a morte da babosa (por afogamento ou intoxicación etílica, non o teño moi claro...) e se esa consecuencia nos vos gusta podedes tratar de controlalas co seguinte sistema: colocades arredor da horta unhas táboas ou cortezas de árbore sobre as que derramaredes un chorro de cervexa, deixando esa cara contra a terra; poucas horas despois iredes vendo como estes bichos se aferran a chupetear e entón podedes alonxalas onde menos vos molesten. Á mañá seguinte de colocar as madeiras creo que atopamos ben máis de 15!


 Estes sistemas resultan baratos se tes a sorte de contar con cervexa caducada que consigues dun colega, coma é o noso caso. Se non tamén podedes probar cunha mestura de auga, zucre, fariña e algo de levadura; probablemente cando agote os botellíns que temos terei que ir recurrindo a estoutro brebaxe así que xa vos contarei, ;)

domingo, 26 de maio de 2013

Tomates, pimentos, cabaciños... decapitados!

 Estes dous últimos días descubrimos un montón das nosas prantiñas cruelmente decapitadas, sí, sí, horrible! Ó principio boteille a culpa ós paxaros porque o corte é tan perfecto que o seu pico me parecía a ferramenta ideal para facelo; agora xa non o teño tan claro e creo que os culpables poden ser algún caracol ou algunha babosa xigante! O caso é que o ano pasado case non notamos a súa presenza, de feito empregara algunha pequena "piscina" de cervexa para atrapalas e tan só caeran dúas na trampa. 

 Estes últimos días de maio aínda está facendo moito frío e cubrín as prantas con algún recipiente para evitar as xeadas. Creo que foi ó deixar de facer isto cando lles servín a cea en bandexa, o ataque foi realmente brutal: de 6 tomates, 5 desapareceron practicamente; dos 5 pequenos cabaciños só quedan as dúas folliñas que saen da semente; e igual cos pimentos e algunha faba. Aí vos deixo un testimonio sobrecolledor dun pimentiño, porque unha imaxe vale máis que mil palabras...


 Agora volverei cubrilos ata que vaian collendo máis corpo, terei que repoñer as prantas e ó mellor probo a facer un reguiño de sal gordo arredor dos bancais como barreira protectora. Tamén me dixeron que as cascas de ovo arredor das prantas non son capaces de traspasalas porque se lles clavan?! Alguén sabe se funciona este método? Outra solución sería atopar onde se esconden (porque estou segura de que están aí, a carón de cada bancal agardando o momento ideal, controlando os nosos horarios para pasar inadvertidos e acometer o seu obxectivo) pero non consigo dar con eles!!!

 En fin, supoño que hai que ir aprendendo sobre o terreo (nunca mellor dito, jiji) e tentar solucionar os problemas con paciencia para non desesperarse, verdade?

venres, 24 de maio de 2013

Permacultura, un obxectivo.

 Isto da permacultura estame atraendo cada vez máis. O principio de vivir respetando os ciclos da natureza e facendo que ela traballe para nós aliándonos con ela e non enfrontándoa paréceme un obxectivo obrigado. Agora que nós vivimos aquí gustaríame moitísimo comezar un proxecto nesta dirección, un proxecto apaixoante.

 Onte descubrimos o proxecto deste agricultor austríaco que vivindo no medio dos Alpes chegou a construír un auténtico paraíso natural que provee de alimento e enerxía á súa comunidade e que está a ser estudado por xente de todo o mundo coma un exemplo a seguir. Se nos Alpes o consigue, cómo non o imos conseguir nós aquí?

mércores, 22 de maio de 2013

Achégase a reunión... 2ª parte.

 Despois de explicar moi por riba en que consiste unha comunidade de montes, hoxe vou relataros unha parte da nosa breve experiencia como comuneiros. 
 Ó pouco de chegar á aldea solicitamos ser membros da comunidade de montes e na primeira reunión á que acudimos xa nos fixeron comuneiros, por unanimidade. Qué ben, pensamos nós, qué xente máis agradable e qué boa acollida! Creo que tamén foi aquel mesmo día no que cambiaron os membros da xunta de montes pasando a ser outros os que dirixiran o cotarro. Estes non gozan da simpatía de moita xente (de feito só gañaron por un voto de diferencia) e por aquel entón nós non nos enterábamos de nada, non coñecíamos a practicamente ninguén e por iso a nós dábanos bastante igual estes que aqueles. O que sí tiñamos claro era o noso desexo de participar nas decisións, de aportar algo positivo e constructivo e por suposto coa liberdade de opinar cando nos parecera.

 Todo o mundo dicíanos que xa iríamos vendo cómo eran aquí as cousas e quen era quen, o normal cando chegas novo a calquer lugar. Nós non podiamos deixarnos influír polo que algúns che conten ou che insinúen, ti actúas normalmente e con naturalidade deixando os acontecementos fluír e vaia se fluíron! Un día quixemos mediar co presidente da comunidade nun conflicto que nos afectaba a nós directamente (entre outros veciños) e o tipo reaccionou como xamais ninguén reaccionou comigo: os berros chamándonos "mentirosos" e a 10 cm da miña cara penso que se escoitaban na parroquia do lado; a chulería que amosou, a prepotencia coa que se dirixíu a nós deixounos tan noqueados que aínda a día de hoxe non podo crer que a xente que estaba arredor nese momento non tiveran a decencia de impoñer cordura, agora na distancia xa entendo por qué non actuaron pero mo reservo. 
 O importante é a razón da súa histeria porque mesmo no suposto no que efectivamente o meu compañeiro e máis eu fósemos uns mentirosos como el dicía, non era esa razón para alcanzar o nivel de loucura que alcanzou o seu discurso acompañado dunhas formas a todas luces cuestionables. Entón por qué poñerse como se puxo? Unha razón puido ser que alguén previamente preparou o terreo en contra nosa con algunha que outra mentira producto dunha desbordante, digamos...imaxinación (alguén que ata ese mesmo instante era da nosa absoluta confianza, imaxinade o chasco); outra razón pode ser que para el supoñamos unha "ameaza" no sentido de que sabe que podemos cuestionar ou criticar a súa maneira de facelas cousas, porque ... en fin, qué máis dá! Nada xustifica que alguén trate así a outro.

 E a cousa non rematou alí. Despois diso chegaron as triples reunións da comunidade (despois de non se ver en todo o ano oganizaron tres en tres fins de semana seguidos, toma!) e alá fomos un pouco desacougados despois do que pasara un mes atrás aproximadamente, sobre todo pola decepción persoal tan enorme que sufríramos. O que nesa última reunión pasou foi xa de traca e resumo: empezando porque o propio presidente dixo que esta menda non podía estar na reunión porque "estaba alí só para facer feira" (perdón?! se das poucas veces que falei foi para pedir que se respetasen os turnos de palabras, iso sí que é unha feira ás veces!), continuando con que o meu compañeiro e mais eu tiñamos "unha trama" (0_0) orquestada "por unha directora" e rematando con todo o mundo fóra do local da reunión para seguir acusándonos doutra sarta de estupideces, todo isto bañado por melodiosos berros e xuramentos. Impresionante, verdade?
 Ai, e outro detalle desternillante: ocorréuselles organizar unha comilona parroquial en agosto e chamárona "Comida de fraternidade" (á que por suposto non fumos). Sen comentarios.
 
 Xa logo pasou un ano dende aquel surrealista capítulo e este fin de semana toca de novo reunión. Comprenderedes a miña emoción ante o paso das horas... Agora teño un dilema, qué facemos? qué fago? Por unha banda penso que colaborar aínda que só sexa presencialmente con xente de tal calaña é inadmisible para min (para nolos dous) e que ata que non amosen algún cambio de actitude todos os que opinamos igual deberíamonos negar a asistir; pero por outra banda hai algo que me di que teño que estar alí e loitar simplemente opinando e esixindo o respeto que me merezo eu e tódolos demais, simplemente iso. 
 Pois iso, qué fago?
 

martes, 21 de maio de 2013

Por fin unha reunión, non era sen tempo...

 Cando comecei o blog dixen que quería falar do que ocorre na aldea, do bo e do malo, pero a verdade é que fago máis entradas sobre as cousas que nós facemos e menos sobre o que ocorre arredor. Así que decidín comezar hoxe unha entrada que falase por fin de como funciona a nosa comunidade de montes, supoño que unha comunidade coma calqueroutra pero dende logo nesta pasan cousas dignas de mención.

 A comunidade de montes está formada por tódolos habitantes da aldea que cumplen cuns requisitos para ser nomeados "comuneros" e así poder participar das reunións e tamén poder disfrutar e dar uso ás "tenzas" de monte comunal que lles correspondan, parcelas ás que todos (en teoría) temos dereito para un uso agrario ou forestal.  A que soa moi ben? Sigo.
 Por lei é necesario reunirse como mínimo unha vez ó ano pero eu creo que este xeito de organización só pode funcionar con algún encontro máis regularmente, sempre e cando eses encontros sexan productivos (vamos, que sirvan para algo). Vese que aquí onde vivimos optan de momento pola primeira idea e non é precisamente por poucas cousas das que falar, sen contar todas as demais que se poderían organizar para que este pequeno mundo (a nosa aldea) funcione sempre mellor.
 Outra norma indispensable para que todo flúa da maneira máis harmoniosa posible debe ser o RESPETO. E iso é algo do que a nosa comunidade de montes adolece e do que podo dar fe por telo vivido en carne propia e, o que o fai aínda máis grave, por parte de membros da mesma directiva, que dende logo deberían ser os que predicaran co exemplo e fosen quen de moderar o diálogo e o entendemento porque doutro xeito é imposible. Sobra dicir que hai persoas que non responden para nada a ese patrón de mala conducta, por suposto que sí, e menos mal!

 En fin, o caso é que se acerca o día da próxima reunión e só de pensalo...   Deberíamos todos ter ganas de atoparnos con todos para falar uns e outros e opinar ata chegar ás mellores decisións, ou polo menos as menos malas, e por suposto acordadas democraticamente. Con tódalas reivindicacións sociais que vemos ultimamente (e nas que intentamos sempre participar) reclamando unha democracia verdadeiramente real, creo que este tipo de organización social pode ser a demostración de que iso é posible e de que o futuro debe camiñar nesa dirección. 

 Gustaríame contar o que pasou na anterior reunión á que acudimos para que así entendades o meu pesimismo e prometo que o farei pero terá que ser outro día, de momento queda introducido o tema.

domingo, 19 de maio de 2013

Máis cestería.

 Máis choiva... pois máis cestería. 


Ía camiño dun cesto pequeno pero finalmente ocorréuseme este regalo para a "euphorbia keisy" da ventana, ata agora nunha horrible maceta negra de plástico.


 E mellora a cousa, non?

sábado, 18 de maio de 2013

Cesteando contra o aburrimento.

 O día de hoxe choveu case sen parar. Teño moitísimas ganas de saír fóra e disfrutar da horta, dos cans, de facer isto aquí e o outro alá... pero o tempo parece que non quere axudar en absoluto. Adoro a choiva e tranquilízame ó pensar que probablemente tampouco nos ha de  faltar auga este verán pero... buuuuffffff, que vaia parando, POR FAVOR!

 En fin, chega o aburrimento dentro de casa e decido combatilo cesteando, unha tarde de soedade entre varas e música de Radio3. Ó final non resultou tan mal este día escuro, ;)



  Ocórrenseme diferentes usos para estas pequenas estructuras pero un pode ser como soporte para flores secas colgado nunha parede, que vos parece?


luns, 13 de maio de 2013

Sistema de riego por condensación: detalle importante!

 Teño que facer unha importante corrección no sistema de riego por condensación do que vos falaba onte. 
 Simplemente consiste en empregar botellas transparentes pois nós probamos con algunha branca e non ten nada que ver a cantidade de humidade que xeneran unha e outra. Hoxe cambiei a que onte vos amosaba entre dous pimentos e que era bastante pequena (só garda un botellín de auga pequeno); pois tan só unha hora e media despois (aproximadamente) o cambio comezou a surtir efecto estando a terra mollada arredor do recipiente novo!


 Onte tamén esquecín comentar que este sistema está xenial se te plantexas marchar uns días fóra e isto, claro, é incompatible con regar regularmente a horta ou calqueroutra planta en maceta, por exemplo. 
 Xa vedes, de momento ventaxas parece que ten un montón, xa veremos o resultado co tempo.

domingo, 12 de maio de 2013

Sistemas para regar na horta.

 Tiñamos dúbidas acerca de como facer para regar a horta pero por fin nos decidimos. Por suposto que a idea non é nosa, as gracias hai que darllas ós que publican en internet as súas solucións para problemas varios de maneira tan xenerosa.

 Empregamos botellíns, botellas e garrafas que reciclamos de dúas maneiras diferentes:
 -Por un lado, seguindo o principio de capilaridade, introducimos nunhas garrafas e botellas tiras de algodón feitas de camisetas vellas e tamén mechas de algodón para velas; a idea é rellenar eses recipientes e que a auga vaia humedecendo a terra a través da tela enterrada na terra. Esta idea é interesante para abarcar un radio máis amplo de terreo e ó mesmo tempo deixar espazo para que a pranta medre sen obstáculos. É importante facer o oco para a saída da tela a bastante altura para que así o depósito de auga albergue máis cantidade e non ter que ir rellenando tan a miúdo; despois entérranse ditos recipientes un pouco para facilitar o traballo de enterrar as tiras de trapos.


Este sistema aforra auga ó ir debaixo da superficie e permite unha humidade constante. E sí, quizais somos demasiado optimistas coa lonxitude das mechas pero por probar que non quede!



 -E por outra banda probamos co principio de condensación, pensado para prantas de maior altura e menos amplitude no porte, como pementos ou tomates. Trátase de introducir un recipiente con auga un pouco enterrado na terra e despois cúbrese con outro que fará efecto invernadero provocando gotiñas que esvaran polas paredes do recipiente máis grande e igualmente mantendo a humidade constante. Mentras haxa auga dentro dos envases non teremos que preocuparnos de enchelos de novo nin de regar, se é que funciona o sistema, claro.


A idea final, se é que funciona o sistema, claro, é facer máis cómodo o traballo de carretar auga pola horta e de paso reducir a cantidade de veces que regamos. Por suposto que un sistema de rego por goteo con tuberías de sudoración distribuidas polos bancais sería moitííííísimo máis cómodo pero de momento non puidemos organizalo tan ben, quizais para outra ocasión. 
Ah, e se clicades nas fotos vénse moito máis grandes, ;)

xoves, 9 de maio de 2013

Reformas no pozo.

 Este rincón é un alpendre que a nosa casa ten pegado a unha das fachadas. É un telladiño que oculta o pozo, onde precisamente temos instalada a nosa marabillosa bomba de soga. 


Temos unhas cantas ideas para facer nel pero antes debemos solucionar uns cantos problemas que fan que pinte así por dentro.


 Como podedes ver, hai escombros no que antigamente sería un pilón de lousa enooooorme e que no seu momento decidiron cubrir de cemento! Supoño que esa decisión sería por razóns prácticas pero como aquí houbo unha época  hortera na que se puxo de moda "forrar" os fermosísimos chans empedrados e mesmo as casas ocultando a pedra orixinal... en fin, horrores arquitectónicos en favor dunha modernidade de moi mal gusto.
 Total, que aí estamos picando o cemento e descubrindo unhas pedras incribles que aproveitaremos para outros rincóns. Porque mirade que chanto máis impresionante!


 A ver se pouco a pouco desmontamos este tinglado para amañar a zona do fondo (coa bomba de auga para a casa e máis paredes de cemento...) e poder ter un rincón acolledor fóra de casa e baixo cuberto. Que ganas!

mércores, 8 de maio de 2013

Sementar sementarei, 2ª parte.

 Xa poden apreciarse os regos sementados polo meu compañeiro días atrás; vagamente, é verdade, pero non imaxinades o ilusionados que estamos, especialmente un que está aquí ó meu lado. A ver se todo vai cara adiante e temos éxito con esta misteriosa e novedosa plantación, dende logo novedosa por aquí o é.


martes, 7 de maio de 2013

Cesteiros e cesteiras.

 Non teño imaxes de toda a xente que participou na xornada de cesteiría do pasado sábado porque ó final estiven moi pendente doutras cousas e o das fotos non saíu como eu esperaba. Pero aínda que moi poucas, algunha saquei e facíame moita ilusión amosárvolas e hoxe, despois de pedir o consentimento oportuno ós poucos protagonistas das mesmas, aquí as tedes nunha brevísima secuencia.

 Comezamos pouquiño a pouco...


  A concentración alcanzaba niveis altísimos...



 Fomos rematando coa axuda da espontánea maestra á que lle estamos tan agradecidos!


 E que contentos marcharon cos seus cestos! Bueno, neste caso qué contenta marchou coa súa lámpara fermosa, verdade? 


domingo, 5 de maio de 2013

Xornada de cesteiría en casa.

  O día de onte foi marabilloso, fixemos un montón de cestos. 
 Organizamos a nosa primeira actividade en casa e decidimos que fose un obradoiro de iniciación á cesteiría pero convertiuse en moito máis que iso. Xuntámonos amigos con outros que se convertiron en amigos, maiores e nenos compartindo un momento de aprendizaxe dun oficio que forma parte da historia dos nosos maiores e da tradición cultural deste país e de cada lugar, unha sabedoría que se está a perder e que convén espallar para que non se esqueza.

 En fin, esta reflexión é froito da emoción que todavía sinto ó pensar no día xenial que onte vivimos: uns aprenderon algo que non sabían, outros que xa sabían descubriron algo novo e tamén alguén que sabía e moito acabou transmitíndonos moito máis do que en principio nos plantexáramos como obxectivo da xornada. O caso é que unha veciña que temos moi cercana e xa maior veu para coñecer como faciamos nós os cestos, en principio só viña a mirar pero acabou rematando 7 cestos á maneira na que ela o facía e así mesmo seu pai. 



  Teño que dar as gracias a Cris, pola súa xenerosidade ó regalarnos un día enteiro para ensinar, e a tódolos asistentes sen excepción, en total 12  alumnos e outros que decidiron vir botar un ollo e compartir un ratiño da nosa xornada comunitaria. Moitísimas Gracias por un día MARABILLOSO!!!
E por certo, dádesme permiso (alumn@s) para poñer algunha foto vosa neste lugar?...