xoves, 22 de agosto de 2013

Zapateiro rematado.

 Con outro palé e dúas pequenas táboas que nos sobraron dun traballo de bricolaxe anterior conseguimos un zapateiro cunha pequena repisa para a nosa pequena entrada de casa.

 De novo: lixadora, capa de tapaporos, clavado das dúas táboas con puntas e capa de barniz final. 


 Fe de errataso barniz do percheiro anterior era "roble oscuro", decateime cando ó empezar a barnizar este zapateiro a cor resultante era moito máis clariña (dun tono máis semellante ó do mel) e este sí que é cor "roble", a secas.
 Así quedou.


 A caixiña que colga da parede tamén foi unha reutilización, unha caixa de viño que se convertíu en caixa para gardar as chaves, por iso o de "Open your mind" (nós e as nosas mensaxes...).
 Total, entrada renovada e practicamente gasto cero!

luns, 19 de agosto de 2013

Reutilización: de palé a percheiro.

 Un palé buscaba novo uso. 

 O amaño consistíu en:
-lixado
-capa de tapaporos que mantén a cor da madeira
-capa de barniz, cor "roble"
-uns vellos e oxidados colgadores, renovados pintándoos de negro
-corchos de botella atornillados, como novos colgadores


 E pouco despois... tachán! Un percheiro novo para a nosa entrada!


 Agora estou co zapateiro, tamén feito cun palé e que amosei nunha das primeiras entradas. En breve sae do taller!

sábado, 17 de agosto de 2013

Declaración de Intencións.

 Fai xusto un ano pasamos un verán moi desagradable, un verán de reacomodación e reaxuste dos nosos esquemas mentais dados os acontecementos que sufrimos directamente. 
 As varias mentiras lanzadas sobre nós e expostas  diante de tódolos veciños (por parte de membros da comunidade que deberían ser respetables e respetuosos), xunto coa baixeza do comportamento dalgún outro ó que lle demos todo e chegado o momento decidíu correspondernos cunha puñalada que nos rachou dende a gorxa ata o embigo e que foi acompañada da necedade, o drama e as lamentacións propias da mellor telenovela (lección ben aprendida, Nunca Máis!), todo iso fixo que agora os nosos pasos sexan dados moito máis lentamente e con prudencia pero sen deixar de ser nós, seguimos aí para todo o que se precise pero prodigámonos menos por aí fóra. Supoño que pouco a pouco iremos atopando de novo o noso lugar aquí pero sen deixar nunca de ser nós mesmos, sen deixar de pensar como pensamos e sen calar cando consideremos que debemos opinar. Se isto fai que calquer indesexable nos ataque e intente facer dano, que se prepare porque nós xa non somos os dous daquel verán pasado. Gracias a eles somos máis fortes e mellores, jajaja!!! 

 Toma folletín! Sí, sí, parece unha declamación do estilo "a Dios pongo por testigo" pero, dramatización a parte, o fondo da reflexión é verdadeira, moi verdadeira. Así que aí estamos, botándolle humor á cousa que é do que se trata, ríndonos do máis absurdo e do máis triste ó mesmo tempo porque así é como hai que tirar coa vida, non? 
 Así que un día que estaba de "polgar verde" (día de xardinería, quero dicir) colgando unhas macetas directamente das pólas da nosa vella mazaira, pensei que estaría ben darlles un toque de cor a eses tiestos de plástico marróns tan feos e deslucidos. Comecei pintándoos de amarelo pero despois xurdíu a idea de romper a monotonía do amarelo e ocorréuseme escribir un texto, algo que a xente puidese ler (especialmente determinado tipo de xente...). A nosa Declaración de Intencións: WE LOVE PEACE.


xoves, 15 de agosto de 2013

Beneficios doutra "mala herba", o cincento.

 Fai tempo fixen un curso de horta ecolóxica onde empecei a escoitar falar das "malas herbas" e dos seus beneficios directos sobre a horta. 
 Unha que nos mencionaran fora o chamado cincento (Chenopodium album), unha herba moi común e aparentemente sen ningunha utilidade polo que tendemos a arrincala dende que aprendemos a distinguir os primeiros brotes. Pois resulta que é das que atraen ós pulgóns, evitando así que estes vaian a outras plantas e puiden comprobalo este ano: dous cincentos coláronse e avanzaron entre os meus tomates conseguindo xa superalos en altura pero resulta que nos brotes da cúspide da planta albergan unha colonia de pulgóns acompañados das formigas.

  
 Podería cortar esas cabezas do cincento cheas de pulgón pero realmente non me molestan, sobre todo de momento non molestan ós tomates así que para qué eliminalas? Así sigo aprendendo e experimentando coas herbas, cos bichos... porque parte dos beneficios de poñer unha horta é observar a natureza e estas interaccións tan interesantes que se producen. A conclusión de hoxe volve ser que ás veces non é tan importante esforzarse en ter a terra limpa de "malas herbas", en ocasións son as "malas herbas" as que nos axudan a ter sana a nosa horta.

 Déixovos co cincento no medio e medio dos meus tomates.



martes, 13 de agosto de 2013

Reutilización: de carcasa de ventilador a fruteiro.

 Dun ventilador vello saquei a carcasa dianteira para aproveitala coma un fruteiro, que quedou dun estilo moi retro. 
 A tapa circular exterior (co nome da marca do ventilador) que cubría o centro de dita carcasa desatornilleina para colocala na cara interior, desa maneira non só a nova bandexa asenta perfectamente senón que ademais disimula o furado central.


  Dun aparello inservible pódense obter novos usos e máis anos de vida para algo que, de non usarse, acabaría acumulado a saber onde. Estou moi contenta coa idea e co resultado.



venres, 9 de agosto de 2013

Produtos do cáñamo: a fibra.

 O noso cáñamo xa está moi medrado e empezamos a valorar tódolos produtos que imos obter das plantas e buscando destino para os mesmos.

 De entre todas as saídas que o cáñamo ofrece unha importantísima é a fibra, que se obtén de extraer a parte exterior que cubre o tallo leñoso. Non vou describir tódalas bondades da fibra do cáñamo porque son tantas que me levaría un bo pedazo e non me apetece agora (...). De momento probamos a facer fío con ela gracias a unha colega que domina as artes do fiado e ese fío poderíamos usalo, por exemplo, para tutorar as nosas plantas dun xeito ecolóxico, coa idea de empregar os materiais máis naturais posibles no noso entorno.

 A extracción da fibra é o difícil. O meu compañeiro fíxoo do xeito máis laborioso, máis ben como parte da aprendizaxe sobre a planta, mediante unha navalla. 


 Por suposto que tradicionalmente o método era diferente: deixar a mollo máis dun mes, sacar e deixalo secar para despois mallalo a paos e finalmente espadañar e pasar por un cepillo. Ó mellor nós facemos o proceso pero cun volume de plantas pequeno porque esperamos poder darlle saída senón á fibra sí ó tallo. Iremos vendo.



xoves, 8 de agosto de 2013

Flores de cabaciño en tempura (ou algo así...).

 As flores dos cabaciños que non levan o froito podemos arrancalas e comelas de diferentes maneiras. 


 Onte fixémolas dunha maneira moi sinxela pero moi moi resultona:

-lavamos as flores, arrancamos o pistilo do interior e o rabiño e deixámolas secar
-preparamos unha mestura con fariña, auga (media taza de cada unha) e unha clara de ovo levada ó punto de neve; pretende ser unha especie de tempura.
-engadimos a esta mezcla sal e pimenta e removemos ben
-cortamos unhas lonchas pequenas de queixo e introducímolas nas flores e pechámolas igual que estaban antes de abrilas (como o envoltorio dun caramelo); nós usamos un queixo da zona (Arzúa-Ulloa, riquííííísimos queixos) que nin é fresco nin semicurado, pero moi cremoso.
-pasamos as flores pola mestura e rapidamente á sartén
-sacar da sartén poñéndoas sobre un papel de cociña para escurrir o aceite.


 O sabor é moi interesante (bastante mellor que a miña presentación...), unha "delicatessen" que nos podemos permitir de vez en cando, jeje.

mércores, 7 de agosto de 2013

Renovando cadeiras.

 Estes días pasados estiven creativa, facía moito que non explotaba esta faceta miña. Amoseivos algunha cousa e hoxe vou con outras dúas, un par de cadeiras.

 A primeira estaba entre as cousas da casa cando chegamos e parecíame fermosísima pero a pobre levaba agardando demasiado por un pouco de atención, abandoada á súa sorte no noso almacén "caixón desastre". 


O proceso foi practicamente igual que os anteriores:
-capa de matacarcoma e agardar 24 horas
-lixado 
-pintura laranxa e posterior lixado para semellar máis vella
-capa de barniz

Creo que non é moi resistente pero ten moito encanto aínda que só sexa para pousar unha pranta enriba, jeje.


 E por último renovei unha cadeira dun xogo de seis iguais que no seu momento conseguimos regaladas. A idea é pouco a pouco renovalas todas pero de momento só amañei esta xa que o proceso de lixado coa máquina resulta máis difícil do que parece, o barniz é moi potente e duro de quitar (e ademais abúrreme facer seis veces o mesmo traballo...).


Que vos parecen?

martes, 6 de agosto de 2013

Plagas na horta.

 Ultimamente tiven a horta un pouco desatendida, practicamente limitámonos a regala e ver cómo van crecendo cabaciños, xudías, tomates... Non a observei co mimo e coidado que lle adiquei no primeiro mes, preocupada por que as babosas non nos devoraran as prantas... Levaba uns días observando que os repolos e as coliflores  tiñan furados pero bah, non lle din importancia, total, uns furadiños de nada non son para tanto, non? 
 Xa, xa... o caso foi que a semana pasada xa descubrín que os furados estaban protagonizados por uns gusanos verdes que se adicaran a incubar centos de ovos verdes no interior das miñas prantas! E agobieime un pouco ó pensar que se todos eses ovos eclosionaban á vez podía ocorrer unha traxedia no resto da horta. Entón optei por arrincar as prantas que estaban máis perxudicadas e o resto empapeinas cunha mestura de auga con sal porque en teoría mata ou afasta a estes devoradores reptantes. Parece que funcionou pero témome que o dano xa é demasiado grave.


  Nós tratamos de non empregar ningún produto agresivo e non ecolóxico na horta, intentamos rexirnos por principios de equilibrio entre especies e nesa onda temos ben aprendida a idea de que certas prantas benefician a outras ben repelendo ou atraendo bichiños que son beneficiosos. Hai herbas (moi mal chamadas "malas herbas") que ás veces nos esforzamos en arrincar ou eliminar cando non só poden ser fonte de alimento para nós, senón tamén ferramentas disuasorias de plagas, ben porque repelen ós insectos ou ben porque os atraen evitando así que colonicen as nosas hortalizas. Este último caso é o que descubrín o outro día. Cóntovos.

 A nosa horta está chea de formigas e estas soen utilizar ó pulgón negro coma o seu rebaño, ben cerquiña para se beneficiar dunha especie de secreción doce que estes producen (ou algo así...). O caso é que o ano pasado apareceu ese pulgón por varias prantas, sen ocasionar grandes danos porque o ía eu limpando. Este ano descubrín unha "mala herba" que se atopa ben pegada ás fabas, xudías e cabaciños que está cheíña do pulgón evitando así que se extendera ás prantas veciñas, así que todos conviven en harmonía. Nas fotos podedes observar o pulgón e mais a pranta en primeiro plano a carón das fabas e repolos.


 Creo que se chama Herba Mora (solanum nigrum) e polo que puiden ler ten tamén propiedades medicinais e visto o visto creo que é interesante deixar algunha pola nosa horta despois de ver o moito que lle gustou ás formigas e ó pulgón. Aquí vos deixo algún detalle doutro exemplar limpo e ó mellor alguén pode confirmarnos que efectivamente é esa especie.


 E para rematar, xa que falamos das "malas herbas", recoméndovos que escoitedes e leades a Josep Pamiés (o payés da stevia, lle chaman), un agricultor que se ten convertido en todo un referente na defensa das "malas herbas". Hai vídeos del interesantísimos en youtube cos que se pode aprender moitísimo acerca destas plantas, fonte de alimento e saúde.